Presentación en Fillos de Ois o día 9

17 Xullo 2012

 
Logo da S.R.C.D. Fillos de OisRespondendo á invitación da Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Fillos de Ois, o próximo xoves día 9 de agosto, ás 21:00 horas, presentaremos o balance dos dous primeiros anos de traballo de Fragas do Mandeo no seu local social sito en Santa María de Ois (Coirós, A Coruña).

Esta asociación está a celebrar o seu trixésimo aniversario de labor continuada na dinamización da vida social da parroquia, tendo organizada unha variada oferta de actividades.

Como en ocasións anteriores, a charla irá acompañada da proxección do audiovisual Noroeste, unha selección de excelentes fotografías de aves acuáticas e mariñas realizadas por Álvaro Fernández Polo e Antonio Ramos Souto, da Asociación Ornitolóxica Calidris.

Para axudarnos a difundi-la cita, podes descarga-lo cartel en formato PDF (mellor para imprimir) ou en formato JPEG (mellor para enviar por correo electrónico).


Rastrillo en Betanzos o día 5

16 Xullo 2012

 
Antes de que os betanceiros inicien as festas patronais, estaremos de novo na praza do Campo co noso rastrillo o día 5 de agosto, de 9:30 a 14:30 horas.

Esperamos non ter nesta ocasión as complicacións organizativas que xurdiron no anterior como consecuencia da enfermidade do noso transportista e o evento deportivo que se celebrou na praza. A pesares destes imprevistos, e de que o bo tempo despois de semanas de choiva encamiñou o público á praia, foi un éxito grazas ós 11 voluntarios que colaboraron e á xenerosidade dos doadores do material.

As doazóns que recibe Fragas do Mandeo están integramente destinadas á adquisición de fincas con valor ambiental. Os gastos xerais (teléfono, Internet, papelería, comisións bancarias, etc.) están cubertos grazas ós ingresos dos rastrillos, e incluso permiten ter un amplo superávit que tamén se suma ó reservado para mercar fincas.

Nos rastrillos decatámonos de que temos que engadir ó principio das tres erres outra máis, pois observamos como algunhas persoas non teñen inconveniente en mercar produtos que presentan algún deterioro, pois xa teñen en conta a maneira de amañalos. Polo tanto, o noso lema agora é «reduce, reutiliza, repara, recicla».

Pero aparte da responsabilidade co medio ambiente, os voluntarios de Fragas do Mandeo perciben con agrado que tamén existe un compoñente social. Enche de satisfacción ver como cativos —ou persoas con limitacións psíquicas— se achegan a mercar co seu limitado presuposto e sempre atopan algo que lles ilumina a cara porque está dentro das súas posibilidades. Inmigrantes que arrendaron un piso insuficientemente dotado, localizan artigos e aparellos para o fogar a bo prezo co que cubri-las súas necesidades. Avós que buscan algún conto co que arrincarlle un sorriso ós seus netos, dándolle unha segunda vida ó libro infantil. Xa que logo, solidariedade coa protección do medio ambiente, pero tamén con distintos sectores da sociedade.


Próximo rastrillo o día 15

2 Xullo 2012

 
O domingo día 15 instalaremos de novo en Betanzos o noso rastrillo solidario, na praza do Campo, entre as 10:00 e as 14:30 horas.

Normalmente facémo-los rastrillos o primeiro domingo de mes que non caia en feira. Pero como nesta ocasión estará a celebrarse a Feira Franca, retrasámo-lo rastrillo ó seguinte domingo.


Presentación en Sada

20 Xuño 2012

 
O xoves día 28 de xuño, ás 20:00 horas, presentaremos na vila de Sada o balance dos dous primeiros anos de actuación de Fragas do Mandeo. Será no salón de xuntas da Oficina Municipal da Xuventude (praza da Pescadería s/n; ver mapa), que xentilmente nos cedeu a corporación municipal.

A charla irá precedida pola proxección do audiovisual Noroeste, unha colección de magníficas fotografías de aves acuáticas realizadas por Álvaro Fernández Polo e Antonio Ramos Souto, da Asociación Ornitolóxica Calidris.

Con esta charla queremos achegarnos a esta vila mariñeira para dar a coñecer entre os sadenses o que é a custodia do territorio, as vantaxes que ten para a conservación da natureza e até que punto se está a empregar noutros lugares. Evidentemente, tamén comentaremos os avances de Fragas do Mandeo na aplicación deste instrumento xurídico en As Mariñas, co fin último de preserva-la biodiversidade da bisbarra, e animaremos ós asistentes a apoiar mediante doazóns ou voluntariado o noso proxecto.

Se queres axudarnos a difundi-lo evento, podes descarga-lo cartel en formato PDF (mellor para imprimir) ou en formato JPEG (mellor para enviar por correo electrónico).


¿Cegoñas criando en Betanzos?

3 Xuño 2012

 
Durante o pasado mes de maio estivo aberta no Liceo a exposición Betanzos xeográfico, organizada polo Museo das Mariñas. Nesta interesante mostra de cartografía local o público tivo ocasión de coñecer algúns aspectos da evolución urbana da vila.

Detalle do mapa de Betanzos pintado en 1616Entre os mapas exhibidos destacaba unha copia a gran tamaño do trazado en 1616 por Antonio Vázquez, no que se logra distinguir intra muros a xa desaparecida torre de Lanzós. Non podemos deixar de pensar que o autor representou un niño de cegoñas no seu tellado, debuxando tras del a silueta esquemática dun ave voando na distancia. Encargado pola súa maxestade, o autor «dixo la había hecho bien y fielmente y así lo jura», segundo documentos da época, polo que debemos entender que non se trata dunha liberdade creativa.

Ignoramos se hai catro séculos aniñaban as cegoñas na bisbarra de As Mariñas. A información zoolóxica está moi dispersa en documentos antigos e moitas veces recollida de xeito indirecto. Por iso os zoólogos precisan da colaboración dos historiadores para poderen avanzar no coñecemento do pasado da nosa fauna. Non deixes de informarnos se podes proporcionarnos información máis precisa.


VI Rastrillo solidario

29 Maio 2012

 
Tras face-lo anterior en Sada, de novo volvemos a Betanzos a instala-lo rastrillo solidario. Será coma sempre na praza do Campo, entre as 10:00 e as 14:30 horas do domingo día 3 de xuño. Levaremos toda a gama de produtos doados polos nosos colaboradores.

Invitámosvos a achegarvos para traer todos aqueles obxectos que non precisedes, axudarnos a montar ou nas ventas, e a mirar se hai algo que vos interese mercar a bo prezo.


O rural que queremos

8 Maio 2012

 
Imaxe do programa da I Xornada O rural que queremos

Co título O rural que queremos. Experiencias e propostas para a súa custodia e posta en valor, seguido do subtítulo Asociacións, empresas e veciños para a dinamización do rural, a Comunidade de Montes do Salgueiral (Bora, Pontevedra) vai celebrar unha xornada coa que pretende crear un espazo de encontro, de diálogo e de exposición da diversidade de axentes que están contribuíndo a activar, ó tempo que conservar, os recursos específicos do mundo rural.

Fragas do Mandeo está invitada a expoñe-la súa traxectoria e experiencia, introducindo ós asistentes na realidade da custodia do territorio como unha ferramenta para conserva-la biodiversidade local e axudar a dinamizar o mundo rural.

Estaremos acompañados por representantes de Hifas da Terra, Ancares de Meu, Amigos da Terra, Concello de Pontevedra e Asociación de Veciños do Salgueiral. A organización corre a cargo de Anias Xestión Sociocultural e conta co apoio do Concello de Pontevedra.

Esta xornada forma parte do conxunto de actividades de educación ambiental sobre o río Almofrei e a súa contorna que ven realizando a Comunidade de Montes do Salgueiral na parroquia pontevedresa de Bora, baixo o nome de Aula do Almofrei.

Lugar: Casa de Cultura do Salgueiral, en Bora (Pontevedra).
Data: Sábado 2 de xuño de 9:30 a 14:15 horas.

Máis información descargando o programa ou o cartel.


Rastrillo en Sada o día 17

7 Maio 2012

 
O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, montaremos de novo o noso rastrillo. Pero nesta ocasión será en Sada, invitados pola organización do “I Mercadillo Solidario”. Esperámosvos na praza dos Irmáns Suárez Picallo, dende as 12:00 até as 19:00 horas.

Aproveitando a relevancia da data, levaremos unha selección de libros en galego, sen esquecer unha escolla doutros obxectos que teñen éxito de venta.

Este evento ten como obxectivo fomenta-la segunda man e o intercambio de obxectos que xa non se usan e poden ser de utilidade a outras persoas. De entrada libre, os postos de venta están a disposición de particulares e asociacións sen ánimo de lucro, previa inscrición. Haberá música en directo e un xantar popular.

A organización anima ós participantes a que doen ás asociacións sen ánimo de lucro os artigos que non dean vendido. Xa que logo, Fragas do Mandeo invitará ós participantes a ser a entidade destinataria destas doazóns, pois aínda nos quedan varios rastrillos que celebrar este ano e precisamos novos produtos.

Esta feira de segunda man está organizada polos colectivos Reciclín & Reciclán, Anam Cara e AUIC, coa colaboración do Concello de Sada, Infusiones Musicales, Rayces e Paris Joel.

Máis información na web da organización.


Éxito do cuarto rastrillo solidario

8 Abril 2012

 
Fotografía do IV rastrillo solidario de Fragas do MandeoHoxe montámo-lo primeiro rastrillo solidario do ano, que ven sendo o cuarto dos que levamos feito. Como sempre, acudimos á praza do Campo de Betanzos a primeira hora da mañá para poñer á venda unha gran variedade de obxectos (libros, complementos de vestir, artigos de regalo e do fogar, xoguetes, etc.), todos eles doados polos nosos colaboradores.

O éxito foi notable, pois superou en ventas ós anteriores. Sen dúbida axudou a xornada soleada que, tras varios días morriñentos, animou á xente a saír á rúa. Pero tamén grazas á dedicación dos once voluntarios de Fragas do Mandeo, nove atendendo o posto e dous máis axudando no transporte e na carga e descarga, que estiveron traballando até as tres da tarde.

Agradecemos ó Concello de Betanzos o permiso e a cesión das mesas. Os ingresos serán destinados á adquisición de fincas de interese ambiental e paisaxístico na bisbarra.


Narcisos en flor

11 Marzo 2012

 
Nestas datas de finais do inverno, xa dende primeiros de febreiro e até mediados de marzo, cando aínda non rebentaron os gromos das árbores caducifolias, podemos ver nas ribeiras dos nosos ríos unhas fermosas flores inconfundibles: os narcisos.

Fotografía de Narcissus asturiensisTamén coñecidos como amarelles, compoñen o xénero Narcissus e forman parte da familia das Amarilidáceas. Teñen unha distribución preferentemente ibérica e presentan moitos endemismos. En Galicia están presentes cinco especies, facilmente diferenciables polo seu aspecto.

¿Cales destes cinco narcisos podemos ver en As Mariñas? En Fragas do Mandeo estivemos esta tempada percorrendo a nosa extensa rede fluvial para tratar de localizalos, pois tres deles están catalogados como especies vulnerables e non se coñece ben a súa distribución na bisbarra.

Fotografía de Narcissus cyclamineus Narcissus cyclamineus é inconfundible. Os seus tépalos (así lle chaman os botánicos ós seus pétalos por non diferenciarse dos sépalos) son dun intenso color amarelo e están revirados para atrás, separándose deste xeito da coroa (esa especie de trompeta característica dos narcisos, que neste caso ten forma de tubo). Atopámolo en moi poucos sitios, pero neles non era escaso. É endémico de Galicia e norte de Portugal, sendo insuficientemente coñecida a súa distribución no noso país.

Pola contra, localizamos con máis frecuencia o Narcissus asturiensis, pero tamén co mesmo patrón de ser abundante nos enclaves nos que está presente —até o punto que podían detectarse dende lonxe—, pero ausentándose en longos tramos de río con hábitat aparentemente óptimo. Aínda que é de tamaño pequeno como o N. cyclamineus, o seu aspecto segue o patrón típico dun narciso.

Fotografía de Narcissus bulbocodiumO terceiro narciso que buscamos, Narcissus bulbocodium, é realmente singular. Destaca pola súa desproporcionada coroa, o que lle vale o nome común de “trompeta de Medusa”. Aparece tamén na beira dos ríos, acompañando a N. cyclamineus e N. asturiensis, sendo realmente máis flexible na súa escolla do hábitat; de feito atopámolo en praderías e carballeiras apartadas dos cursos de auga.

Algo máis tardío en florecer foi o Narcissus triandrus. Non é raro, pois témolo visto até nas cunetas das estradas, pero non resulta tan fácil de localizar coma os anteriores, pois ten unha cor pálida, moito máis discreta, que se confunde facilmente coa vexetación circundante. É unha especie endémica da metade norte da Península Ibérica.

Fotografía de Narcissus triandrusNon atopamos o último dos narcisos galegos, Narcissus pseudonarcissus, pero non descartamos a súa presenza, pois florece máis tardiamente (de marzo a maio). É o narciso máis grande dos cinco, coa forma típica, na que os tépalos son habitualmente dun ton máis claro que a coroa. En Galicia se teñen citado as subespecies nobilis e moschatus.

Os narcisos galegos están protexidos polas distintas normativas autonómica, estatal e europea. No Catálogo Galego de Especies Ameazadas figuran na categoría de vulnerables N. cyclamineus e N. asturiensis, así como a subespecie nobilis de N. pseudonarcissus. Os tres figuran tamén no Anexo II da Directiva Hábitats, acollendo o Anexo IV a N. triandrus e o Anxo V a N. bulbocodium.

O xénero Narcissus está en fase de especiación, ese proceso da evolución que leva a formar novas especies por diferenciación das súas poboacións. Por iso, aínda que dixemos que son fáciles de identificar polo seu aspecto, para os taxónomos (os especialistas en clasificación dos seres vivos) é un xénero complexo do que aínda están a debate-la definición das distintas especies. Un motivo máis para que nos preocupemos da súa protección na bisbarra de As Mariñas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).