Fin de ano con balance positivo

31 Decembro 2013

 
Chegadas estas datas, cando nas fragas do río Mandeo as árbores perderon as súas follas e no medio do frío invernal as abeleiras e ameneiros empezan a botar as súas discretas flores, non podemos evitar mirar atrás e facer balance do acadado no ano.

Este 2013 que remata foi moi intenso, como podedes comprobar nas entradas do noso blog. Queremos salienta-la colaboración dos escolares do CEIP Sada y sus Contornos, así como o voluntariado da II Semana de Custodia. Pero o máis importante foi que lle demos un forte pulo ós acordos de custodia: Acadamos unha extensión de 64.535 m2 custodiados, dos que 59.142 m2 o son en propiedade e o resto cedidos polos seus titulares.

Por iso queremos finaliza-lo ano agradecéndovos a tódolos doadores, voluntarios e colaboradores o voso apoio. Contamos con vós para seguir conservando as fragas do río Mandeo e preservando a biodiversidade na comarca de As Mariñas. E como tampouco deixamos de traballar nestas datas, pronto teremos outra boa noticia que darvos.

Feliz noitevella e próspero ano novo.


Un eucaliptal menos

10 Novembro 2013

 
Este outono as fragas do río Mandeo contarán cun eucaliptal menos que rompa a harmonía da paisaxe.

Foto do monte cortadoNun dos montes que mercamos na pasada primavera medraba unha mancha de eucaliptos de 4.060 m2 de superficie. Destacaba entre a masa continua de bosque autóctono que aínda se conserva na ladeira este do monte da Espenuca. Agora, tras seren cortados, a parcela presenta o aspecto desolador de calquera monte deforestado.

Pero para nós este espazo non está baleiro, pois reborda coas nosas expectativas. Esta ferida da paisaxe pechará en canto se rexenere o bosque caducifolio. En poucos anos, unha mestura de carballos, castiñeiros, bidueiros, abeleiras e loureiros restaurará o ecosistema e dará acubillo a moitas das especies ameazadas da nosa bisbarra.

Grazas ós nosos doadores, Fragas do Mandeo puido mercar este e outros montes. Nuns casos son carballeiras ben conservadas nas que apenas hai que intervir; noutros é preciso elimina-las especies foráneas e reforestar con especies autóctonas.

Se queres formar parte activa deste fermoso proxecto botándonos unha man nos traballos forestais, por favor, ponte en contacto connosco. Atoparás a información necesaria na sección Contacto.


Presentación no IES Arzúa

17 Outubro 2013

 
Invitados polo Instituto de Ensino Secundario de Arzúa, o venres día 25 daremos a coñecer entre os alumnos deste centro as actuacións de custodia do territorio para a conservación da natureza que realiza Fragas do Mandeo.

Esta é a segunda vez que expoñemos o noso traballo en Arzúa, pois xa o fixemos hai dous anos na oitava edición da Feira Ecolóxica Terractiva.


Angola interésase polo noso traballo

16 Outubro 2013

 
Fotografía da delegación angolanaHoxe citámonos no lugar de Chelo coa delegación dunha empresa pública dependente do Ministerio de Enerxía e Augas da República de Angola que está a visita-la nosa bisbarra para coñecer novas experiencias no ámbito da xestión ambiental. Os técnicos de GAMEK (Gabinete de Aproveitamento do Medio Kwanza) interesáronse polas actuacións de custodia do territorio que Fragas do Mandeo está realizando no entorno dos ríos.

A protección dos bosques de ribeira e de ladeira son un mecanismo eficaz para minora-las avenidas de auga (teñen un efecto tampón), para reduci-la erosión do solo (preservan a cuberta vexetal), para conserva-los recursos hídricos (facilitan a recarga dos acuíferos) e para combate-la contaminación difusa (depuran a auga antes de que chegue ós ríos ou ós acuíferos). Esperamos que a nosa modesta experiencia lles sexa de utilidade no río Kwanza, un curso de auga moito máis caudaloso e longo que o Mandeo.


Balance positivo da II Semana de Custodia

10 Outubro 2013

 
Hoxe, coa clausura da exposición titulada Unha ollada natural de Calros Silvar, demos por rematada a II Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Tras este tempo de intensa actividade organizativa, ¿acadáronse os obxectivos? ¿Cal é o balance?

O fin inmediato desta segunda edición da Semana era dar a coñecer un conxunto diverso de iniciativas de custodia e apadriñamento que se están a realizar en distintos puntos do territorio galego. Durante a xornada de charlas puidemos ver actuacións que están conservando montes, praias, ríos, camiños ou patrimonio etnográfico, ademais de revitalizar comunidades rurais. A satisfacción dos asistentes, así como as felicitacións dos relatores pola organización, nos fai entender que se cumpriu este reto.

Cartel da exposiciónO segundo obxectivo da Semana era fomenta-lo voluntariado ambiental na nosa bisbarra amosando esas experiencias de éxito. As tres xornadas de voluntariado programadas permitiron que ese estímulo frutificase: 76 persoas axudaron a erradicar especies exóticas invasoras, recoller lixo en espazos naturais ou preparar montes para a reforestación con árbores autóctonas. Cremos que a experiencia positiva vivida animará a estes e outros voluntarios a participar en futuras convocatorias.

Como terceiro obxectivo figuraba avanzar na divulgación dos tesouros naturais da nosa bisbarra. A amena conferencia de Antonio Sandoval evidenciounos a paixón polas aves e nos revelou algúns aspectos impresionantes das súas migracións, fenómeno que podemos observar en primeira liña mesmo na nosa ría. Pola súa banda, Calros Silvar expuxo unha escolma da súa obra como ilustrador da fauna e flora galegas, traballo que foi publicado nunhas guías de campo que abriron ó coñecemento da vida silvestre a numerosos afeccionados.

Como remate, a excursión a Sobrado dos Monxes foi un compendio de actividades. Os participantes observaron aves, percorreron vellas carballeiras por antigos camiños, coñeceron os traballos de mantemento do observatorio e fincas de Fragas do Mandeo, fixeron voluntariado ambiental recollendo lixo e apreciaron a beleza dos nosos monumentos.

Xa que logo, dende Fragas do Mandeo valoramos moi positivamente os resultados desta edición da Semana de Custodia e agradecemos a relatores, asistentes e voluntarios a súa participación, así como ás entidades colaboradoras.

Podes ver fotos de tódalas actividades na galería fotográfica da II Semana de Custodia da nosa web. No caso de animarte a participar en futuras xornadas de voluntariado, ponte en contacto connosco. Na sección Contacto atopara-los datos que precises.


Citas da II Semana de Custodia do Territorio

2 Setembro 2013

 
A finais deste mes e primeiros do seguinte imos celebra-la segunda edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Esperamos que a oferta anime a participar nelas a un público moi variado, pois ampliamos significativamente o número e tipo de actividades con respecto ó ano pasado. De feito se espallan por toda unha quincena.

Imaxe do programa da II Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoNesta edición fíxose especial fincapé no voluntariado: o obxectivo é amosar un conxunto diverso de iniciativas de éxito que se están a desenvolver en distintos puntos de Galicia. Mediante actuacións de apadriñamento e de custodia do territorio a cidadanía implícase directamente na conservación e recuperación de praias, ríos, camiños, especies ameazadas, a paisaxe ou manifestacións etnográficas. Veremos a satisfacción dos que participan nelas e animarannos a formar parte do voluntariado da nosa bisbarra.

Do mesmo xeito que na primeira edición, a Semana está organizada conxuntamente pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e por Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo de Mariñas-Betanzos, pois Fragas do Mandeo destina o 100% das doazóns que recibe a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispón de medios económicos propios para actos deste tipo. Tamén colabora GADISA, que proporciona o avituallamento nas xornadas de voluntariado.

Descarga o programa e o cartel e compárteos no teu entorno persoal: así axudarás a que todos teñan a oportunidade de participar.

Para apuntarte nas xornadas de voluntariado e na excursión, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 669 541 ou envía un correo electrónico a info@marinasbetanzos.org. Deste xeito reservarás praza no autobús, terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas.

Voluntariado en Ponte do Porco: Iniciaremos a Semana coa eliminación das especies exóticas invasoras que ameazan a biodiversidade da praia e, de paso, retiraremos todo o lixo que poidamos. Hai dous anos xa arrincáramos moitos plumachos, pero dende entón naceron outros. O máis efectivo é arrincalos cando son noviños, ademais de supoñermos menos traballo. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de querer participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 22 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño).

Conferencia ¿Para que serven as aves?: O ornitólogo e comunicador Antonio Sandoval vai describirnos o impresionante fenómeno da migración das aves a través do noso país. O seu falar ameno e ben documentado garante unha charla memorable na que nos sorprenderá con aspectos pouco coñecidos de moitas aves que pasan pola ría de Betanzos nas súas longas viaxes entre África e o norte europeo. A libraría Carricanta terá á venda o libro que acaba de publicar Antonio, do que colle o título a conferencia.
Data: Xoves 26 de setembro, ás 20:30 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.

Exposición de pintura: Na mesma velada inauguraremos no Liceo a exposición Unha ollada natural de Calros Silvar. Este polifacético artista amosará nela a súa vertente de ilustrador, exhibindo imaxes da vida silvestre nas que conxuga o seu talento artístico co seu profundo coñecemento da natureza galega.
Data: Inauguración o xoves 26 de setembro, ás 20:30 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.
Horario: Até o 10 de outubro na planta alta do Liceo, de 19:00 a 21:00 de luns a venres, e de 12:00 a 14:00 os sábados e mailos domingos.

Xornada sobre a custodia do territorio e o apadriñamento: No día central da Semana temos programado un conxunto de charlas que levan por título Custodia do territorio e apadriñamento: A implicación cidadá na conservación da natureza . Trala presentación a cargo do alcalde de Betanzos, Ramón García, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, daremos paso a seis conferencias que se impartirán pola mañá e maila tarde.

Imaxe do cartel da II Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoNa primeira delas, titulada Na procura dun val cheo de vida, Rafael Beceiro, coordinador do Proxecto Esmelle, falará do xeito no que a Asociación Val de Esmelle dinamiza a comunidade veciñal e traballa colectivamente na recuperación do patrimonio natural e cultural desa comarca ferrolá. Será seguida pola charla titulada Poñendo un río no mapa, a cargo de Gonzalo Sancho Blanco, presidente da Asociación Vaipolorío. O seu traballo de defensa, recuperación e inventariado dos valores patrimoniais do río dos Gafos é un exemplo de como un río pontevedrés revive grazas a ser apadriñado por parte dos veciños.

Tras unha breve pausa, Diego R. Vieites, secretario da Asociación Fontaíña, comentará en De praias degradadas a dunas protexidas os vinte anos de traballo da súa asociación no litoral vigués. Os resultados destas dúas décadas son a restauración e a protección da vexetación e das dunas nun litoral que sofre unha elevada presión turística no verán. Cando a acción dun grupo local marca a diferenza será o remate das charlas matinais. Nela Encarna González, coordinadora de SEO/Pontevedra, explicará as actuacións en defensa da píllara papuda do Salnés. O seu traballo, xunto co dos seus compañeiros, é un exemplo no que a acción individual baixo a cobertura dun grupo local significa un futuro na súa comarca para unha especie ameazada.

Antonio Álvarez, presidente da Asociación Castiñeiro e Nogueira, abrirá a sesión de tarde ás 17:00 horas coa charla Camiños con historia no bosque autóctono. Con este título quere resumirse o traballo de rehabilitación dos antigos camiños mediante voluntariado internacional e nacional na bacía do río Donsal, nos Ancares lucenses. Deste xeito emprenderon a tarefa de poñer en valor os seus tesouros naturais e culturais, ademais de revitaliza-la zona de Cancelada con diversas actividades coincidentes cos catro campos de traballo internacionais que levan organizado. Rematada esta intervención, finalizará as charlas Fragas do Mandeo, facendo balance dos resultados dos seus tres primeiros anos de andadura e animando a seguir na nosa bisbarra o exemplo das iniciativas expostas ó longo do día.

Para pecha-la xornada, puxemos unha pequena guinda que non aparece no programa impreso. O instrumentista e compositor Eloy Vázquez nos ofrecerá un breve concerto de música do século XIII, interpretando no seu dulcimer varias cantigas de Alfonso X O Sabio.

Data: Sábado 28 de setembro, de 9:30 a 18:30 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.

Limpeza simultánea de ríos: Imos achegarnos ó río Mendo para participar na limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Iniciarémo-la limpeza na ponte das Moas, para continua-la ruta pola beira do río até Roibeira recollendo todo o lixo que atopemos. Son 10 km nos que gozaremos dun entorno natural que merece ser conservado en óptimas condicións. O traxecto non é dificultoso, pero é conveniente levar calzado e roupa axeitada, ademais de luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de querer participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 29 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos en autobús dende o ambulatorio de Betanzos.

Des-eucaliptización no río Mandeo: Fragas do Mandeo ten mercado máis de 50.000 m2 de monte este ano. Gran parte desa superficie son fragas ben conservadas, pero noutros casos son eucaliptais. Nesta xornada de voluntariado imos a eliminar eses eucaliptos, impedindo que abrollen dos cepos e preparando as parcelas para a repoboación con árbores autóctonas na próxima primavera. Deste xeito restaurarémo-la paisaxe, mellorarémo-las condicións ambientais das marxes do río Mandeo e reducirémo-lo risco de propagación de incendios. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de querer participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 5 de outubro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos en autobús dende o ambulatorio de Betanzos.

Visita á lagoa de Sobrado: Para remata-las actividades da Semana faremos unha ruta por Sobrado dos Monxes. Guiados por bos coñecedores do patrimonio natural e monumental da zona, primeiro visitarémo-las árbores senlleiras locais, cruzarémo-la notable carballeira da Casa do Gado, percorreremos unha fermosa paisaxe en mosaico e descansaremos na lagoa de Sobrado. A pesares da importancia desta zona húmida, aínda non forma parte da rede galega de espazos naturais protexidos. Alí poderemos observar aves tan espectaculares como o somorgullo cristado. Antes da comida de campo, faremos unha pequena recollida de lixo no entorno da lagoa para compensar á natureza pola contaminación producida no desprazamento en autobús. Logo nos achegaremos á lagoa de Millares e, por último, visitarémo-lo mosteiro de Sobrado. A ruta non é dificultosa, pero é conveniente levar calzado e roupa axeitada, ademais de luvas. Non esquezas os teus prismáticos e a comida e bebida que precises. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de querer participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 6 de outubro, de 9:00 a 18:00 horas.
Lugar: Partiremos en autobús dende o ambulatorio de Betanzos.


Monte cedido por 20 anos

2 Setembro 2013

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe ratificamos e ampliamos a 20 anos un acordo de custodia dun monte situado en Ois (Coirós), grazas á xenerosidade de D. Fernando Álvarez.

Cunha superficie de 2.677 m2, este é o segundo monte que lle ceden a Fragas do Mandeo e está situado na mesma zona que o anterior. A partir de agora será destinado á recuperación do bosque autóctono, polo que o primeiro que faremos será elimina-los eucaliptos que medran na parte alta da parcela. Na parte inferior linda co río Mandeo, presentando un bosque de ribeira ben conservado, xa dentro do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo.


Último rastrillo do ano o día 8

29 Agosto 2013

 
O domingo día 8 de setembro celebrarémo-lo cuarto e último rastrillo deste ano. Será como sempre na praza do Campo de Betanzos, onde estaremos dende as 10:00 até as 14:00 horas.

No mes de outubro xa non farémo-lo rastrillo, pois durante o primeiro fin de semana dese mes o voluntariado que os atende estará ocupado coas actividades programadas para esas datas dentro da II Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Ponte en contacto connosco se queres doar obxectos para o noso último rastrillo do ano. Daraslles un novo destino e axudarás á conservación da natureza da bisbarra. Na sección Contacto atopara-los datos que precises.


Programando a II Semana de Custodia

14 Agosto 2013

 
En Fragas do Mandeo non paramos no verán nin para tomarnos uns días de vacacións. Nas últimas semanas estivemos organizando a II Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, a celebrar entre o 22 de setembro e o 6 de outubro.

O programa inclúe conferencias e accións de voluntariado, complementadas por unha exposición e unha excursión a un espazo natural. Da mesma maneira que na edición anterior, contamos co apoio da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que, ademais de colaborar na organización, financia na súa totalidade os actos programados.

Para obter máis información e axudarnos na difusión, descarga o programa e o cartel.


Informando na rúa

11 Agosto 2013

 
Cartel da Mostra de Viños e Produtos das MariñasDe novo saímos á rúa, pero esta vez non foi para monta-lo noso rastrillo: Onte, sábado, pola tarde e hoxe pola mañá participamos cun posto informativo na Mostra de Viños e Produtos das Mariñas que se celebrou esta fin de semana en Betanzos.

Os voluntarios de Fragas do Mandeo explicaron ós interesados o noso proxecto, comentaron a superficie de fraga que temos mercado nas ribeiras do río Mandeo e avanzaron as actividades para promociona-la custodia do territorio que programamos para finais de setembro e primeiros de outubro.

Chamounos a atención a grande receptividade do noso proxecto entre os turistas estranxeiros, algúns dos cales estaban moi ben informados sobre a custodia do territorio nos seus países.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).