Hoxe citámonos no lugar de Chelo coa delegación dunha empresa pública dependente do Ministerio de Enerxía e Augas da República de Angola que está a visita-la nosa bisbarra para coñecer novas experiencias no ámbito da xestión ambiental. Os técnicos de GAMEK (Gabinete de Aproveitamento do Medio Kwanza) interesáronse polas actuacións de custodia do territorio que Fragas do Mandeo está realizando no entorno dos ríos.
A protección dos bosques de ribeira e de ladeira son un mecanismo eficaz para minora-las avenidas de auga (teñen un efecto tampón), para reduci-la erosión do solo (preservan a cuberta vexetal), para conserva-los recursos hídricos (facilitan a recarga dos acuíferos) e para combate-la contaminación difusa (depuran a auga antes de que chegue ós ríos ou ós acuíferos). Esperamos que a nosa modesta experiencia lles sexa de utilidade no río Kwanza, un curso de auga moito máis caudaloso e longo que o Mandeo.