Este outono as fragas do río Mandeo contarán cun eucaliptal menos que rompa a harmonía da paisaxe.
Nun dos montes que mercamos na pasada primavera medraba unha mancha de eucaliptos de 4.060 m2 de superficie. Destacaba entre a masa continua de bosque autóctono que aínda se conserva na ladeira este do monte da Espenuca. Agora, tras seren cortados, a parcela presenta o aspecto desolador de calquera monte deforestado.
Pero para nós este espazo non está baleiro, pois reborda coas nosas expectativas. Esta ferida da paisaxe pechará en canto se rexenere o bosque caducifolio. En poucos anos, unha mestura de carballos, castiñeiros, bidueiros, abeleiras e loureiros restaurará o ecosistema e dará acubillo a moitas das especies ameazadas da nosa bisbarra.
Grazas ós nosos doadores, Fragas do Mandeo puido mercar este e outros montes. Nuns casos son carballeiras ben conservadas nas que apenas hai que intervir; noutros é preciso elimina-las especies foráneas e reforestar con especies autóctonas.
Se queres formar parte activa deste fermoso proxecto botándonos unha man nos traballos forestais, por favor, ponte en contacto connosco. Atoparás a información necesaria na sección Contacto.