Rastrillo o día 4 en Betanzos

27 Xullo 2013

 
Tras pasar por Ois, volvemos co noso rastrillo á praza do Campo de Betanzos por terceira vez este ano, onde estaremos como habitualmente dende as 10:00 até as 14:00 horas.

Nos nosos rastrillos se vende unha gran diversidade de obxectos doados, sendo atendidos por voluntarios que dedican parte do seu tempo libre a axudar a Fragas do Mandeo na recollida de fondos para a conservación da natureza da bisbarra. Con estes cartos mercamos parcelas de monte que son destinadas á preservación da paisaxe e dos hábitats naturais a perpetuidade, avanzando así na custodia do territorio de As Mariñas.

Ponte en contacto con nós se queres botar unha man nesta ou noutras actividades. A natureza cho agradecerá. Na sección Contacto atopara-los datos que precises.


Rastrillo en Ois o día 21

17 Xullo 2013

 
Cartel da feira do galoO próximo domingo, día 21, montaremos de novo o noso rastrillo solidario. Nesta ocasión non teremos que sufri-las inclemencias do sol, pois será baixo a sombra do pavillón deportivo de Fontelo, en Santa María de Ois (Coirós), entre as 10:30 e as 14:00 horas.

Estamos invitados pola Sociedade Fillos de Ois, que celebra a Feira do galo e mostra de aves de curral, coa venta de produtos locais, actuación da charanga betanceira SNT e a presenza dunha pulpeira, ademais do noso posto.

Para nós é importante acudir a esta feira, pois é unha maneira de que os veciños nos coñezan mellor. Ois é un dos nosos focos de custodia do territorio, iniciado precisamente pola cesión desinteresada dun monte por parte dun veciño, don Ángel Gayoso, o ano pasado. Actualmente xa temos mercadas varias parcelas e pensamos seguir nesta liña, segundo vaiamos tendo recursos económicos e atopemos veciños dispostos a vendernos a un prezo razoable fincas de interese ambiental preto do río Mandeo.


Remate dos traballos no observatorio

16 Xullo 2013

 
A celebración do noso terceiro aniversario deunos novas enerxías para sacar adiante as actuacións en marcha. De feito, hoxe rematámo-los traballos de mantemento do observatorio ornitolóxico que temos na lagoa de Sobrado dos Monxes (A Coruña).

Este observatorio está emprazado nunha das dúas parcelas que a Sociedade Galega de Historia Natural nos doou no ano 2010 como parte da nosa dotación fundacional. Dende entón ocupámonos do seu mantemento. Adicionalmente apadriñamos a lagoa e o tramo de camiño xacobeo que pasa a carón dela, limpando periodicamente o lixo.

As últimas actuacións no observatorio consistiron na poda dos salgueiros que medran diante e impedían a observación, a reparación da porta (reposición do pecho e a substitución das bisagras), da escaleira (desfeita polos vándalos) e do tellado (unha das pranchas metálicas estaba caendo). Por último, a colocación de dous paneis informativos (o de aves instalado no seu día pola SGHN foi esnaquizado), a reforma dunha fiestra para poder mirar con telescopio e facilita-lo seu uso por persoas pequenas, e a reparación dunha parte do murete que caeu coas últimas choivas.

Paralelamente, creamos unha nova sección na nosa web sobre a lagoa de Sobrado, con información específica que pode ser consultada dende o propio observatorio lendo co teléfono móbil o código QR que figura nos carteis.

Grazas ó esforzo dos voluntarios que dedicaron varias xornadas de traballo, non foi necesario contratar persoal. O custe dos carteis e dos materiais empregados foron cubertos en gran parte por unha subvención da Deputación da Coruña (799,05 euros) e outra de Novagalicia Banco [actualmente Abanca] (150 euros), ós que expresamos o noso agradecemento.


Celebrámo-lo terceiro aniversario

6 Xullo 2013

 
Hoxe, hai tres anos, fundouse Fragas do Mandeo co obxectivo de conserva-la biodiversidade e a paisaxe da bisbarra de As Mariñas mediante a práctica da custodia do territorio.

Dende entón, co apoio de doadores e simpatizantes, moito teñen traballado os voluntarios nesa dirección até a consolidación da nosa entidade. Aínda que o público coñécenos pola celebración dos rastrillos, das charlas impartidas e polas nosas escasas aparicións nos medios de comunicación, o certo é que gran parte do traballo non ten visibilidade pública: a localización de fincas de interese ecolóxico e paisaxístico, a identificación e negociación cos propietarios, a captación de doadores, o mantemento do observatorio ornitolóxico, a promoción da custodia, a ineludible administración interna… Pouco a pouco situámonos como un dos referentes da custodia do territorio en Galicia e temos sido invitados a expoñe-la nosa experiencia en distintos foros.

Aínda que o balance é moi positivo, non todo son éxitos. Diversas iniciativas ante a Administración aínda non frutificaron pola súa consabida lentitude, pero non nos faltará constancia para levalas até onde poidamos. Tampouco logramos poñer un pé no mecenado empresarial, moi afectado pola crise económica, pero tempo haberá de conseguilo.

Dona cumpre tres aniños

A nosa mascota Dona cumpriu tamén os seus tres anos de idade, pois naceu a véspera da constitución da nosa entidade. Con ela vemos día a día como medra o proxecto de Fragas do Mandeo.

Cando chegou era unha cachorriña de menos de dous meses, rebuldeira e revoltosa. Hoxe é unha cadela cariñosa, algo tímida, ben educada e chea de enerxía, que nos acompaña nas visitas ós montes, localiza rastros e segue os sendeiros da fauna silvestre.

Pero este ano tamén se graduou como educadora ambiental. Foi a presentadora dos hábitats da comarca no álbum que Fragas do Mandeo realizou para o colexio Sada y sus Contornos, abriu un blog na nosa web para darlles explicacións ós escolares, contestoulles os seus correos electrónicos, e fixo de guía nalgunha excursión. Deste xeito foi a nosa embaixadora ante os escolares. Esperamos dela que sega achegando os cativos da bisbarra ó coñecemento e ó compromiso coa conservación dos nosos espazos naturais, para así garanti-lo futuro recambio xeracional.

Avanzando na custodia das fragas do río Mandeo

O xeito máis gratificante de celebra-lo aniversario cos nosos doadores e voluntarios é ampliando o espazo no que practicamos a custodia do territorio. De feito, o pasado xoves superamos con amplitude a barreira psicolóxica dos 50.000 m2 custodiados. En concreto, acadámo-la cifra de 64.535 m2, dos que 59.142 m2 o son en propiedade e o resto cedidos.

Gran parte dos montes custodiados están nun estado de conservación aceptable. Pero noutros teremos que iniciar un proceso de eliminación dos eucaliptos e substitución por arborado autóctono. Xa temos identificadas distintas técnicas para evitar que os cepos dos eucaliptos abrollen: as poñeremos en práctica en canto sexa factible e de xeito que poidamos comprobar cal é o método máis efectivo e ecolóxico. O proceso será lento, como é habitual na natureza, pero o impacto positivo na paisaxe e na biodiversidade está garantido.

A primeira finca na que asinamos un acordo de custodia xa está libre de eucaliptos. Agora podemos gozar dende ela da vista do río Mandeo avanzando polo seu canón, bordeado polo bosque de ribeira. Na finca están a medrar pequenos carballos e castiñeiros que naceron espontaneamente, garantíndonos que no futuro haberá nela un bosque autóctono e demostrándonos que a natureza enseguida se recupera se lle damos unha oportunidade.

A clave: doadores e voluntarios

A ampliación do espazo custodiado depende totalmente da capacidade económica coa que nos dotan os nosos doadores. Témo-lo reto de amplia-lo seu número nos próximos anos, se queremos potencia-lo noso ritmo de adquisición de parcelas. Non deixes de difundi-lo noso traballo nos ámbitos persoais ou laborais para captar novos doadores. Tampouco esquezas proporlles ás asociacións culturais e deportivas —ou de calquera outro tipo— ás que pertenzas a que se animen a sumarse ás que actualmente nos apoian.

Segundo se incrementa o territorio custodiado, así van aumentando as necesidades de voluntariado. Hai distintas actividades nas que podes participar, en consonancia coas túas habilidades persoais e disposición de tempo libre. Non deixes de poñerte en contacto con nós para que te convoquemos cando organicemos actividades de voluntariado.

Para nós as cousas están ben claras. Os cidadáns podemos intervir con eficacia na conservación da natureza da bisbarra. Basta dedicarlle un pouquiño de tempo ou doar unha cantidade non importa o pequena que sexa. Se queremos, podemos. Non o dubides.


Novo pulo na merca de fincas

4 Xullo 2013

 
Fotografía do título de propiedadeA piques de cumpri-lo noso terceiro aniversario, démoslle un novo empuxe á adquisición de títulos de propiedade para aumenta-lo espazo no que practicámo-la custodia do territorio. Esta tarde acudimos á notaría de D. Óscar López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra dun monte de 16.486 m2 de superficie situado en Ois (Coirós), preto dos que xa temos adquirido na zona.

A finca linda co río Mandeo e, xa que logo, forma parte do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo. Situada na escarpada ladeira do val, a pendente determina os distintos hábitats. Na parte inferior presenta un bosque de ribeira ben conservado, fundamentalmente composto por ameneiros e freixos. A media ladeira medra unha matogueira, onde domina a queiruga Erica arborea. Os eucaliptos aumentan a súa densidade ladeira arriba, ocupando a totalidade da parcela na parte superior. En canto sexa factible, procederemos a eliminalos e substituílos por arborado autóctono, mellorando así tanto o hábitat natural coma a paisaxe.

Como sempre, temos que agradecerllo ás persoas que están a apoiar a Fragas do Mandeo e achegaron o importe necesario para a adquisición deste monte. Anímate a sumarte a elas e formar parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra cunha doazón a Fragas do Mandeo, non importa o pequena que sexa. Podes atopar máis información na sección Colabora ou ben consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Próximo rastrillo o día 7

1 Xullo 2013

 
O domingo día 7 montarémo-lo noso segundo rastrillo deste ano na praza do Campo de Betanzos, onde estaremos como habitualmente dende as 10:00 até as 14:00 horas.

O último rastrillo foi o que tivo mellores resultados de tódolos que levamos feito. Sen dúbida foi grazas ós numerosos e variados artigos ofertados a prezo de ocasión, moitos deles de gran calidade, que os nosos simpatizantes foron doándonos ó longo do inverno. Deste xeito recuperámonos parcialmente da suspensión do rastrillo de Semana Santa debida ás inclemencias meteorolóxicas.

Ponte en contacto con nós se pensas desfacerte de obxectos que sexan susceptibles de venderse no noso rastrillo. Axudarás á conservación dos bosques da nosa bisbarra e aplicarás a segunda acción do principio das tres erres: «reduce, reutiliza, recicla». Na sección Contacto atopara-los datos que precises.


Congreso dos escolares de Sada

20 Xuño 2013

 
O colexio de ensino infantil e de primaria Sada y sus Contornos celebrou hoxe o seu congreso anual. A poucos días xa da finalización das clases, os alumnos fixeron balance das actividades escolares realizadas nas distintas áreas ó longo do curso que remata.

Fotografía da portada do xornal escolar do CEIP Sada y sus ContornosPara Fragas do Mandeo a xornada foi moi emotiva. Puidemos comproba-lo entusiasmo e seguridade dos alumnos, froito do gran traballo educativo do profesorado e dos pais. O congreso amosou a gran cantidade de actividades que realizaron e como se entrelazaron en todo o programa formativo ó longo do ano.

Dentro deste balance, os escolares expuxeron tódalas actuacións efectuadas dentro do programa Custodia do territorio e biodiversidade: as saídas ós espazos naturais para coñece-la flora e fauna autóctonas, localiza-las especias invasoras que as ameazan e recolle-lo lixo presente, o álbum de cromos dos protagonistas dos hábitats da bisbarra, as explicacións da nosa mascota Dona e os correos electrónicos que lle escribiron, o rastrillo para conseguir fondos para mercar unha carballeira e a visita a unha notaría para formaliza-la compra, a entrevista televisiva…

Fotografía do congreso do CEIP Sada y sus ContornosAínda que os escolares deron constantes mostras de agradecemento a Fragas do Mandeo polo apoio no seu proxecto, realmente somos nós os que debemos dárlle-las grazas a eles. Aparte de amosar un compromiso e eficacia dignos de adultos, a experiencia foi persoalmente moi satisfactoria. A nosa esperanza, como a do profesorado e dos pais, é que a semente deste proxecto de conservación da natureza, a través do coñecemento e da acción directa, madure ó longo das súas vidas.

Dona agora ten moitos amigos e amigas. Aínda que o proxecto xa rematou, seguirá escribíndose con eles por correo electrónico e contando algunha que outra aventura no seu blog. E sempre poderán contar con ela para facerlles de guía polos camiños e corredoiras das fragas do río Mandeo.


Rastrillo o domingo día 9

3 Xuño 2013

 
Se o tempo non o impide, o próximo domingo día 9 montarémo-lo noso rastrillo na praza do Campo de Betanzos, onde estaremos dende as 10:00 até as 14:00 horas. Os nosos simpatizantes nos teñen doado unha morea de obxectos dende o último rastrillo do ano pasado, polo que o posto estará ateigado de libros, xoguetes, figuriñas, bolsos, bixutería, complementos, artigos do fogar, etc.

Coas achegas dos nosos doadores e os ingresos destes rastrillos, Fragas do Mandeo continúa a mercar fincas de alto valor ambiental. Deste xeito trata de restaura-los hábitats naturais e garanti-la conservación da paisaxe e da biodiversidade da nosa bisbarra a perpetuidade.


Entrevista en directo na TVG

22 Maio 2013

 
Logo da Sociedade Sada y sus ContornosO 19 de maio de hai 100 anos se funda en Nova York unha organización chamada Sociedad Sada y sus Contornos. Pouco tempo despois, en 1928 se inaugura na vila mariñán o colexio homónimo, froito da xenerosidade daqueles emigrantes galegos.

Entre as sementes de altruísmo que espallaron, o pasado día do libro prendeu unha delas nos alumnos do colexio. Fixeron un rastrillo para achegar fondos cos que Fragas do Mandeo mercou días despois 2.105 m2 de bosque autóctono, que será conservado a perpetuidade. Noutras xornadas percorreron os espazos protexidos da bisbarra para coñece-la súa biodiversidade, identifica-las ameazas que sofren e recoller todo o lixo que atoparon.

Se cadra, dentro doutros cen anos, novas xeracións de sadenses lembren o seu pasado con orgullo e renoven este compromiso de altruísmo coa sociedade e a natureza.

Logo da Televisión de GaliciaHoxe pola tarde vai achegarse un equipo da Televisión de Galicia ó lugar de Chelo para coñecer esta fermosa historia de boca dos seus protagonistas. Os alumnos estarán acompañados pola nosa mascota Dona e por voluntarios de Fragas do Mandeo. A entrevista será emitida en directo entre as 19:15 e as 20:15 horas de hoxe mércores.


Tres fincas máis

21 Maio 2013

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe acudimos de novo a Betanzos a unha cita na notaría de D. Óscar López Doval. Neste caso foi para mercar tres fincas situadas, igual que nos casos anteriores, na Espenuca (Coirós). Suman 5.961 m2 de superficie; dúas están localizadas na beira do río Mandeo, e a terceira no cumio do monte, onde xa mercáramos anteriormente outras tres. En todas elas medra o bosque autóctono, sendo soamente necesaria unha intervención mínima para eliminar algún eucalipto illado.

Como sempre, temos que lembrar que estas adquisicións foron posibles grazas ós particulares que puxeron os cartos necesarios, e animarte a que ti tamén formes parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra cunha doazón a Fragas do Mandeo, non importa se é pequena ou grande. Lembra que a custodia do territorio precisa o apoio de todos nós para ter éxito. Atoparás máis información na sección Colabora ou ben consúltanos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).