Hoxe tivemos unha cita cunha representación dos alumnos do CEIP Sada y sus Contornos na notaría de D. Óscar López Doval en Betanzos. O motivo era escritura-la adquisición de varias parcelas situadas no monte da Espenuca (Coirós). Os escolares foron testemuñas de como os cartos que xuntaron facendo un rastrillo o día do libro eran inmediatamente investidos na compra de 26.630 m2 de bosque.
As parcelas mercadas están repartidas polo monte, dende a beira do río (xa que logo dentro do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo), até o cumio. Coa excepción de 4.737 m2 de eucaliptal, o resto está cuberto por bosque caducifolio. Esta adquisición permitirá conserva-lo hábitat natural existente e amplialo coa eliminación dos eucaliptos e posterior reforestación con especies autóctonas. Tamén se verá mellorada a paisaxe, pois os eucaliptos, co seu crecemento en altura, rompen a harmonía da masa forestal e dificultan as vistas dende o miradoiro da Espenuca.
Fragas do Mandeo agradece ós escolares a súa decidida iniciativa para conserva-los espazos naturais locais dentro do seu proxecto Voz Natura titulado “Custodia do territorio e biodiversidade”. O seu esforzo supuxo que 2.105 m2 de bosque do total escriturado foran mercados coa súa achega e se conserven a perpetuidade. As árbores medrarán canda os rapaces e no futuro mirarán para eles con orgullo de adultos pensando no que foron capaces de facer sendo nenos.
Expresamos tamén o noso agradecemento ós particulares que completaron o importe necesario para mercar este grupo de parcelas. Anímate a sumarte a rapaces e adultos formando parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra cunha doazón a Fragas do Mandeo, non importa o pequena que sexa. Atoparás máis información na sección Colabora ou ben consúltanos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).
Hoxe pola tarde achegámonos a Betanzos para asina-la escritura de adquisición de dúas novas parcelas de monte na notaría de D. Óscar López Doval. Con isto a extensión actualmente custodiada por Fragas do Mandeo increméntase en 2.757 m2 de superficie.
Os alumnos baixaron do autobús en Queirís e a medio camiño recibiunos Dona, que os levou até a aula da natureza. Alí se dividiron en dous grupos para atende-las explicacións dun monitor ambiental de CEM, que lles falou da vida no río, da flora e da fauna, do ciclo da auga e da importancia de manter limpo o río e a súa ribeira.
Os cativos quedaron encantados de coñecer a Dona. Leva varios meses contándolles a súas aventuras na nosa páxina web, aproveitando para falarlles da flora e da fauna da bisbarra, animándoos a conserva-la natureza e facéndolles todo tipo de preguntas. Aínda que os alumnos lle levan escrito moitos correos electrónicos que ela contesta un a un, esta era a primeira vez que puideron correr con ela. En Fragas do Mandeo entendemos que os animais domésticos son o mellor pasaporte para que os nenos entren en contacto coa natureza, facilitándolles a comprensión do comportamento animal e axudándolles no seu desenrolo tanto emocional como físico.

















