Unha hectárea máis

22 Decembro 2014

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe asinamos unha escritura de compra de 10.109 m2 de monte na notaría de D. Óscar López e D. Gonzalo Freire en Betanzos.

Son varias parcelas situadas na aba do monte da Espenuca (Coirós). A maioría delas lindan co río Mandeo, presentando un bosque de ribeira magnífico, que forma parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo e que está catalogado como hábitat prioritario.

Como en ocasións anteriores, esta adquisición foi realizada grazas ás persoas que nos están a apoiar coas súas modestas achegas.

¿Queres ser parte activa na preservación a perpetuidade das nosas fragas? Na sección Colabora explicámosche como facelo e tamén podes consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Dóannos dous montes

19 Decembro 2014

 
Hoxe foi un día especial, pois asinamos a escritura dunha doazón de dous montes que suman 2.464 m2 de superficie. Dª. María Lourdes Regueira e D. Xabier Vázquez, un matrimonio residente en Perillo (Oleiros), tiveron a xenerosidade de doarllos a Fragas do Mandeo para que conserve a perpetuidade os seus valores naturais.

Fotografía dos doadoresÁmbolos dous montes están en Pousadoiro (Aranga), lindando co río Mandeo, e neles medra bosque autóctono. Non forman parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, pois están augas arriba de Ponte Aranga. Pero localízanse na zona proposta oficialmente para a ampliación desta ZEC, xa que albergan bosques de ribeira e de ladeira de gran importancia ecolóxica nun dos tramos máis abruptos do río.

Fragas do Mandeo está moi agradecida a Dª. María Lourdes e a D. Xabier por esta doazón. Aparte do valor ambiental destes dous montes, esta é a primeira doazón que recibimos dende a nosa constitución. Esperamos que o seu xesto serva de exemplo e anime a outras persoas a cedernos montes que non se están a explotar.

Doar a Fragas do Mandeo ten dúas vantaxes. A primeira, e máis importante, é a satisfacción de comprometerse activamente na conservación da natureza da nosa bisbarra, coa garantía da perdurabilidade. A segunda son as vantaxes fiscais (unha dedución do 25% do valor doado no imposto da renda e do 35% no imposto de sociedades).

Aínda estás a tempo de facer unha doazón antes de fin de ano. Podes atopar máis información na sección Colabora ou ben consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Asinamos a Declaración de Barcelona

7 Decembro 2014

 
Coa sinatura hoxe da Declaración de Barcelona, Fragas do Mandeo expresa a súa vontade de apoia-lo movemento europeo de custodia do territorio e de contribuí-lo seu desenvolvemento intercambiando experiencias e colaborando coas entidades de custodia de todo o continente. O texto é froito do debate das entidades públicas e privadas reunidas no Primeiro Congreso Europeo de Custodia do Territorio, celebrado en Barcelona hai un mes. A natureza non ten fronteiras e precisa que todos nos apoiemos mutuamente no obxectivo de conserva-la súa biodiversidade e de mante-los seus servizos ecosistémicos.


Dobre cita en Ferrolterra

1 Novembro 2014

 
O sábado día 8 de novembro temos unha dobre cita na comarca de Ferrolterra.

A primeira hora da mañá, falaremos no Ateneo de Ferrol da nosa actividade recuperando bosques autóctonos, dentro da xornada sobre a eucaliptización de Galicia e a cornixa cantábrica organizada por Verdegaia. Acompañarannos nas charlas a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, a Federación Ecoloxista Galega, a Asociación Monte Pindo Parque Natural, a Universidade de Oviedo e a Fundación Lurgaia.

Posteriormente, desprazarémonos dentro do mesmo municipio até a parroquia de Esmelle para expoñe-la nosa traxectoria na XI Xornada do Proxecto Esmelle, organizada pola asociación Valle de Esmelle. O programa inclúe charlas sobre o viño da zona, a explotación sostible de algas mariñas e acerca dun insecto exótico invasor moi preocupante: a nespra asiática (Vespa velutina).

Data: 8 de novembro de 2014.
Evento: Xornada Sobre a Eucaliptización de Galicia e a Cornixa Cantábrica (ver programa).
Lugar: Ateneo Ferrolán, rúa da Magdalena 202-204, (Ferrol, A Coruña).
Evento: XI Xornada do Proxecto Esmelle (ver programa).
Lugar: Muíño do Ferreiro, Esmelle (Ferrol, A Coruña).


Tempo de magosto

27 Outubro 2014

 
Foto dun ourizo abertoNa foto podes ver un simple ourizo aberto, amosando unhas pequenas castañas. Pero para nós é moito máis que iso. É o froito dun ano de traballo.

O primeiro foi a corta dos eucaliptos. Logo preparámo-lo monte para reforestar, amoreando a ramallada e cortando toxos; puxemos en pé e atamos a titores ás árbores autóctonas que sobreviviron á corta e, por último, secámo-los cepos de eucaliptos para que non afillaran. Chegada a primavera, plantamos castiñeiros de froita micorrizados nas zonas sen arborado, pensando que no futuro crearán suficiente sombra para que non prospere o mato, dificultando a transmisión de lumes e producindo alimento para a fauna salvaxe. No verán tivemos que regalos e repasa-los cepos que non secaran de todo.

Un ano despois, moitos dos castiñeiros plantados amosan pequenos ourizos. Pero o importante é que desapareceu un eucaliptal de 7.702 m2, no que pouco a pouco medra un bosque autóctono.

A campaña un castiñeiro máis, un eucalipto menos continúa en marcha. Hai que seguir mercando montes (¡precisamos máis doadores!) e o traballo nas nosas parcelas non acabou (¡precisamos máis voluntarios!). Anímate a botar unha man no que poidas.


A Rede Galega de Custodia do Territorio

22 Outubro 2014

 
Este sábado temos unha cita en Rábade. Convocados pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, imos xuntarnos as entidades galegas para constituír unha rede autonómica.

Dende hai varios anos estivemos coordinados pola Agrupación Galega de Entidades de Custodia, que nos representaba no Foro Estatal de Custodia. Pero chegou o momento de formalizar esta agrupación nunha entidade que nos represente legalmente ante os organismos oficiais e promova normativas que impulsen a custodia en Galicia.

Ó longo da maña haberá varias charlas, estando invitada Fragas do Mandeo a explica-lo seu traballo nestes catro anos de actividade. Pola tarde, teremos unha sesión de traballo para pecha-la redacción dos estatutos e formaliza-la rede.

Máis información descargando o programa.

Lugar: Centro de Conservación e Estudo da Natureza Casa das Insuas, rúa José Pardo nº 27, Rábade (Lugo)
Data: 25 de outubro de 2014


Dúas novas carballeiras

15 Outubro 2014

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe acudimos á notaría de D. Óscar López e D. Gonzalo Freire en Betanzos para asina-la escritura de compra de dúas carballeiras que suman 5.239 m2 de superficie, situadas na ribeira do río Mandeo, unha preto do lugar de Chelo e a outra en Ois (Coirós).

Ámbalas dúas carballeiras lindan co río e, xa que logo, forman parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Están ben conservadas e, aínda que nelas dominan os carballos, tamén medran outras clases de árbores, amosando un gran valor como bosques de ribeira e como refuxio para moitas especies ameazadas. Con esta adquisición queda garantida a conservación a perpetuidade dun hábitat axeitado para esas plantas e animais protexidos.

De novo agradecémosllo ás persoas que nos están a apoiar, permitindo coas súas modestas achegas a compra destas carballeiras.

Racha coa indiferenza e anímate a ser tamén ti parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra cun donativo a Fragas do Mandeo, puntual ou periódico, non importa o pequeno que sexa. Podes atopar máis información na sección Colabora ou ben consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Nova adquisición no río Mendo

8 Outubro 2014

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe acudimos á notaría de D. Óscar López e D. Gonzalo Freire en Betanzos para asina-la escritura de compra dun monte de 3.465 m2 de superficie. Está situado na ribeira do río Mendo, no concello de Oza-Cesuras.

Hasta hai pouco esta parcela tiña eucaliptos, polo que aproveitamos que o dono cortounos para negocia-la súa compra. Actualmente están afillando, polo que teremos que programar unha actuación de voluntariado ambiental para secalos. Pero tamén están afillando os carballos, castiñeiros e bidueiros que levaron por diante, ós que hai que engadi-los ameneiros e freixos que sobreviviron nos 96 metros de linde co río. Entre os esforzos dos voluntarios e o que faga a natureza espontaneamente, no futuro poderemos ver nesta parcela un fermoso bosque de ribeira conservado a perpetuidade.

Como en ocasións anteriores, expresamos o noso agradecemento ás persoas que nos están a apoiar e que permitiron coas súas achegas mercar este monte. Se queres unirte a elas, podes consulta-la sección Colabora ou ben preguntarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Éxito na III Semana de Custodia

1 Outubro 2014

 
Xa rematada a terceira edición da Semana de Custodia nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, é o momento de facer balance.

A xornada inaugural do día 20 resultou totalmente satisfactoria. Os relatores lograron seducir ós asistentes e, para unhas conferencias tan especializadas, consideramos un éxito de público a audiencia de 55 persoas.

Foto de voluntarios traballandoO día seguinte acudiron 18 voluntarios á praia da Alameda, en Ponte do Porco (Miño). Co traballo dese día e o repaso realizado nos seguintes, conseguiron eliminar os plumeiros (Cortaderia selloana), o eixerón (Conyza canadensis) e a uña de gato (Carpobrotus edulis). Aínda que xa a extermináramos no ano 2011, prendeu unha ramiña que debeu trae-la marea.

En total foron catro sacas de tipo big-bag cheas de restos vexetais de especies exóticas invasoras. A isto hai que sumar dúas sacas de lixo, máis catro moreas de aparellos e cordas de bateas, que polo seu peso e volume non metemos nas sacas. Xa que logo, obxectivo cumprido.

Pero houbo unha sorpresa.

Foto de Dorycnium rectumNa praia medra un arbusto que nos tiña intrigados, porque non figura nas guías de flora galega e soamente hai un pé. De ser unha nova invasora, era o momento de eliminala.

Por precaución pedimos a súa identificación á Dra. Elvira Sahuquillo, da Universidade da Coruña, resultando ser unha especie autóctona na Península Ibérica, o Dorycnium rectum. En castelán recibe varios nomes, entre eles carretón bravo ou emborrachacabras. Está distribuída pola rexión mediterránea, habitando xunqueiras e prados nas marxes de cursos de auga, en substratos preferentemente básicos. Non é frecuente en Galicia, tendo sido citada soamente en Lugo e Pontevedra.

Como é a primeira vez que se localiza na provincia da Coruña, herborizamos unhas ramiñas e as mandamos ó Herbario SANT, da Universidade de Santiago de Compostela. Está dirixido polo Dr. Javier Amigo, que precisamente na xornada inaugural falounos da flora e os hábitats da nosa bisbarra.

O Dr. Jaime Fagúndez, da Universidade da Coruña, impartiu a súa conferencia titulada A ameaza das especies exóticas invasoras nas Mariñas ante un público de 36 persoas, dándonos a coñece-las que están presentes na nosa bisbarra e incidindo no grave problema que supoñen de seguirmos indiferentes a este problema.

Foto da conferencia sobre especies invasoras

O sábado 27 pola tarde foi o día máis complicado. Era a primeira vez que organizábamos a eco-regata. Tras un lixeiro retraso na saída, cinco lanchas cos seus correspondentes equipos ―identificados por panos de pescozo de distintas cores― saíron en dirección ós sectores de xunqueira asignados para seren limpados. As lanchas tiveron que facer varias viaxes a porto, e pouco a pouco a montaña de lixo foi medrando no peirao.

A eco-regata finalizou antes do previsto, por esgotárense os sacos: Mercáramos 200, ¡pensando que ían sobrar! Enchéronse con botellas, plásticos e lixo de todo tipo, ó que houbo que sumar dúas neveiras, un conxelador e un televisor. Tamén se trouxo a remolque unha roda de camión e unha zodiac abandonada chea de refugallos.

Tras pasa-la tarde xogando e recollendo lixo no porto, un grupo de cativos formou o xurado. Outorgaron o primeiro premio, unha empanada de bacallau, ó equipo que presentou o televisor, recibindo os finalistas as empanadas de carne e de bonito. Os 33 voluntarios que participaron compartiron estes premios simbólicos mentres conversaban sobre a xornada.

Na limpeza simultánea dos ríos galegos participamos 21 persoas ―entre elas seis cativos―, que recollemos 28 sacos de lixo e un váter. No tramo de río percorrido, dende a ponte dos Cabalos até a ponte da Ermida, atopamos poucos refugallos, pois xa o limpáramos o ano pasado, demostrándose así que cando se limpa unha zona, os resultados seguen a notarse en anos sucesivos. A meirande parte do lixo foi recollido ó pé das pontes, onde se forman vertedoiros ilegais.

Para Fragas do Mandeo o balance foi moi positivo: unha nova especie para a provincia, tres especies invasoras erradicadas da praia da Alameda, 163 participantes, e aproximadamente 25 metros cúbicos de lixo menos no medio ambiente. Xa que logo, agradecemos a relatores, asistentes e voluntarios a súa participación, así como ás entidades e concellos colaboradores.


Citas da III Semana de Custodia do Territorio

7 Setembro 2014

 
Logo de LandLife WeekComo en anos anteriores, a finais deste mes celebraremos unha nova edición da Semana de Custodia. Ademais de programar conferencias e actividades de voluntariado, nesta ocasión incorporamos unha novidade: a eco-regata, unha competición lúdica que inclúe actividades infantís paralelas. Xa que logo, esperamos que a oferta desta edición volva a animar a participar a todo tipo de público, tanto adultos coma cativos.

Non seremos os únicos en organizar actividades en torno á custodia do territorio: toda Europa programa eventos similares no marco da LandLife Week.

Nesta ocasión o tema central son os retos de conservación ós que nos enfrontamos na bisbarra de As Mariñas e a posibilidade de acometelos mediante a custodia do territorio. Ten como fin que a cidadanía coñeza algunhas das especies de animais e plantas presentes no territorio da reserva da biosfera que precisan da nosa atención e coidados, por estaren ameazadas.

Imaxe do programa da III Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoO obxectivo é fomentar na bisbarra unha cultura de conservación da biodiversidade, de xeito que tanto os estamentos oficiais coma os particulares teñan en conta as necesidades vitais das distintas especies antes de acometer actuacións ou realizar actividades no medio natural. Grazas a senlleiros investigadores, achegarémonos á vida das xoias que conforman o tesouro natural que se agocha en As Mariñas.

Igual que nas edicións anteriores, está organizada conxuntamente pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e por Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo de Mariñas-Betanzos, pois Fragas do Mandeo destina o 100% das doazóns que recibe a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispón de medios económicos propios para actos deste tipo. Tamén colabora GADISA, que proporciona o avituallamento nas xornadas de voluntariado.

Por favor, descarga o programa e o cartel e compárteos no teu entorno persoal e redes sociais: así axudarás a que todos teñan a oportunidade de participar.

Para apuntarte nas xornadas de voluntariado e na eco-regata, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 669 541 ou envía un correo electrónico a info@marinasbetanzos.org. Deste xeito terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas por adiantado.

Xornada sobre o papel da custodia do territorio na conservación: Para inaugura-la Semana temos programado un conxunto de charlas que levan por título Custodia do territorio e conservación: Retos na preservación da biodiversidade mariñán. Trala presentación a cargo do alcalde de Betanzos, D. Ramón García, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo nos seus catro anos de andadura.

Imaxe do cartel da III Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoA primeira das conferencias correrá a cargo do Dr. Javier Amigo, botánico da Universidade de Santiago de Compostela, que nos permitirá coñece-la flora máis ameazada na nosa bisbarra e os hábitats nos que prospera. A continuación intervirá o Dr. Pedro Galán, zoólogo da Universidade da Coruña, que se centrará nos anfibios e réptiles que están nunha situación máis delicada. Trala pausa de media mañá, a Dra. Paz Ondina, bióloga da Universidade de Santiago de Compostela, falará do complexo ciclo vital do escaso mexillón de río e da súa dependencia dos peixes migradores. Para remata-la xornada, o ornitólogo D. Sergio París, da Sociedade Galega de Ornitoloxía, expoñerá a situación preocupante de varias especies de aves da bisbarra e do que podemos facer por elas.
Data: Sábado 20 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.

Voluntariado en Ponte do Porco: Iniciarémo-las actividades de voluntariado ambiental coa eliminación das especies exóticas invasoras que ameazan a biodiversidade da praia da Alameda e, de paso, retiraremos todo o lixo que poidamos. Empezamos hai tres anos erradicando a uña de gato (Carpobrotus edulis) e os plumeiros (Cortaderia selloana), dos que aínda segue saíndo algún. Nesta ocasión atacaremos tamén o eixerón (Conyza canadensis). Igual que en anos anteriores, contamos coa colaboración do Concello de Miño. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 21 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño).

Conferencia A ameaza das especies exóticas invasoras nas Mariñas: O profesor de botánica da Universidade da Coruña Dr. Jaime Fagúndez explicará como as especies exóticas invasoras teñen chegado a se-la segunda causa en importancia de perda de biodiversidade a nivel planetario, incidindo nas plantas e animais que están producindo maior impacto na nosa bisbarra e a maneira de dete-lo seu avance.
Data: Mércores 24 de setembro, ás 20:00 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.

Eco-regata na ría de Betanzos: No canto de loitar por se-lo máis veloz, nesta competición lúdica a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións, apoiadas en terra polos seus equipos, afanaranse por ver cal é a que máis lixo recolle e a que atopa o refugallo máis singular. A saída e a meta estarán no porto de Betanzos, onde haberá comida, bebida, música e actividades infantís. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Club de Piragüismo, Asociación Ría do Pedrido, Asociación Regato dos Mouros, Lar de Unta e Casa Castillo Betanzos. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 27 de setembro, de 15:00 a 20:30 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Limpeza simultánea de ríos: Imos achegarnos ó río Mendo para participar na sétima edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Iniciarémo-la limpeza na ponte dos Cabalos, para continua-la ruta pola beira do río até a ponte de Taibo, recollendo todo canto refugallo atopemos. Son 6 km de espazo natural protexido que merece ser conservado en óptimas condicións. O traxecto non é dificultoso, pero é conveniente levar calzado e roupa axeitada, ademais de luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 28 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o centro de saúde de Betanzos.

A Semana de Custodia significa algo máis que un evento cultural. É a oportunidade para que as persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra nos poñamos a traballar conxuntamente en accións directas e eficaces.

Rompe coa indiferenza e móvete pola nosa biodiversidade: ¡Participa!

Foto de voluntarios na praia da Alameda


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).