Xa rematada a terceira edición da Semana de Custodia nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, é o momento de facer balance.
A xornada inaugural do día 20 resultou totalmente satisfactoria. Os relatores lograron seducir ós asistentes e, para unhas conferencias tan especializadas, consideramos un éxito de público a audiencia de 55 persoas.
O día seguinte acudiron 18 voluntarios á praia da Alameda, en Ponte do Porco (Miño). Co traballo dese día e o repaso realizado nos seguintes, conseguiron eliminar os plumeiros (Cortaderia selloana), o eixerón (Conyza canadensis) e a uña de gato (Carpobrotus edulis). Aínda que xa a extermináramos no ano 2011, prendeu unha ramiña que debeu trae-la marea.
En total foron catro sacas de tipo big-bag cheas de restos vexetais de especies exóticas invasoras. A isto hai que sumar dúas sacas de lixo, máis catro moreas de aparellos e cordas de bateas, que polo seu peso e volume non metemos nas sacas. Xa que logo, obxectivo cumprido.
Pero houbo unha sorpresa.
Na praia medra un arbusto que nos tiña intrigados, porque non figura nas guías de flora galega e soamente hai un pé. De ser unha nova invasora, era o momento de eliminala.
Por precaución pedimos a súa identificación á Dra. Elvira Sahuquillo, da Universidade da Coruña, resultando ser unha especie autóctona na Península Ibérica, o Dorycnium rectum. En castelán recibe varios nomes, entre eles carretón bravo ou emborrachacabras. Está distribuída pola rexión mediterránea, habitando xunqueiras e prados nas marxes de cursos de auga, en substratos preferentemente básicos. Non é frecuente en Galicia, tendo sido citada soamente en Lugo e Pontevedra.
Como é a primeira vez que se localiza na provincia da Coruña, herborizamos unhas ramiñas e as mandamos ó Herbario SANT, da Universidade de Santiago de Compostela. Está dirixido polo Dr. Javier Amigo, que precisamente na xornada inaugural falounos da flora e os hábitats da nosa bisbarra.
O Dr. Jaime Fagúndez, da Universidade da Coruña, impartiu a súa conferencia titulada A ameaza das especies exóticas invasoras nas Mariñas ante un público de 36 persoas, dándonos a coñece-las que están presentes na nosa bisbarra e incidindo no grave problema que supoñen de seguirmos indiferentes a este problema.
O sábado 27 pola tarde foi o día máis complicado. Era a primeira vez que organizábamos a eco-regata. Tras un lixeiro retraso na saída, cinco lanchas cos seus correspondentes equipos ―identificados por panos de pescozo de distintas cores― saíron en dirección ós sectores de xunqueira asignados para seren limpados. As lanchas tiveron que facer varias viaxes a porto, e pouco a pouco a montaña de lixo foi medrando no peirao.
A eco-regata finalizou antes do previsto, por esgotárense os sacos: Mercáramos 200, ¡pensando que ían sobrar! Enchéronse con botellas, plásticos e lixo de todo tipo, ó que houbo que sumar dúas neveiras, un conxelador e un televisor. Tamén se trouxo a remolque unha roda de camión e unha zodiac abandonada chea de refugallos.
Tras pasa-la tarde xogando e recollendo lixo no porto, un grupo de cativos formou o xurado. Outorgaron o primeiro premio, unha empanada de bacallau, ó equipo que presentou o televisor, recibindo os finalistas as empanadas de carne e de bonito. Os 33 voluntarios que participaron compartiron estes premios simbólicos mentres conversaban sobre a xornada.
Na limpeza simultánea dos ríos galegos participamos 21 persoas ―entre elas seis cativos―, que recollemos 28 sacos de lixo e un váter. No tramo de río percorrido, dende a ponte dos Cabalos até a ponte da Ermida, atopamos poucos refugallos, pois xa o limpáramos o ano pasado, demostrándose así que cando se limpa unha zona, os resultados seguen a notarse en anos sucesivos. A meirande parte do lixo foi recollido ó pé das pontes, onde se forman vertedoiros ilegais.
Para Fragas do Mandeo o balance foi moi positivo: unha nova especie para a provincia, tres especies invasoras erradicadas da praia da Alameda, 163 participantes, e aproximadamente 25 metros cúbicos de lixo menos no medio ambiente. Xa que logo, agradecemos a relatores, asistentes e voluntarios a súa participación, así como ás entidades e concellos colaboradores.