Rastrillo pasado por auga

7 Setembro 2014

 
Foto do rastrillo chovendoHoxe tivemos que cancela-lo rastrillo por forza maior.

Os prognósticos meteorolóxicos fallaron. Consultámolos até o último minuto, e non había ameaza de choiva pola mañá, salvo algún breve orballo. Xa que logo, os nosos voluntarios decidiron monta-lo posto. Cando estaban rematando, xusto entón empezou a chover. Pero nin foi orballo nin parou en catro horas: ¡As tormentas previstas para a tarde adiantáranse á mañá!

Afortunadamente, uns plásticos e a carpa que nos emprestaran impediron que tódolos libros e resto de artigos se deterioraran seriamente. O balance de tanto esforzo foron 5 euros de ingresos, os embalaxes de cartón mollados e tódolos voluntarios cos pés enchoupados.

Este ano xuntamos poucos cartos cos rastrillos. Aínda que son unha axuda que permite sufraga-lo gasto corrente, paga-las facturas da notaría e o que sobra destinalo a mercar fincas, non podemos depender deles para seguir avanzando na custodia dos nosos hábitats naturais, pois entón avanzariamos a paso de caracol. Son as modestas doazóns dos nosos simpatizantes as que manteñen este proxecto en marcha a bo paso.

¿Por que non te sumas a eles? Calquera donativo é benvido, por moi pequeno que pareza. Na sección Colabora atoparás a información necesaria para facernos o teu ingreso, sexa puntual ou periódico.


A lección de Marta

1 Setembro 2014

 
Hoxe é o aniversario da desaparición de Marta. Hai cen anos que morreu esta pombiña no zoo de Cincinnati (EE.UU.). ¿Por que lembrala?

Imaxe de pomba migratoria americanaMarta era o último exemplar da pomba migratoria americana que existía no planeta. Con ela desapareceu unha especie que era a ave máis abundante de Norteamérica, ¡e probablemente do mundo! Os bandos que formaban nas súas viaxes eran incriblemente grandes, chegando nalgunha localidade a oculta-lo sol durante tres días. Estímase que a súa poboación sumaba entre 3 e 5 mil millóns de exemplares. Pero os colonizadores destruíron o seu hábitat e cazárona con tal saña para comercializa-la súa carne que foi exterminada en estado silvestre en tan só catro décadas.

Esta pomba de cola e ás longas era moi diferente doutras en aspecto e comportamento. Os científicos bautizárona como Ectopistes migratorius, pois deambulaba en bandos migratorios na procura de bosques caducifolios nos que alimentarse principalmente de landras, castañas e faiucos. Considerando que era o único membro do xénero Ectopistes, a perda de biodiversidade aínda é maior.

A pomba migratoria americana simboliza como a avaricia e a indiferenza poden acabar cunha especie en pouco tempo por moi abundante que sexa. Rememorar a Marta é unha invitación a meditar sobre os límites que debe te-la cobiza humana e a sensibilizarse coa perda de biodiversidade do planeta.

En Fragas do Mandeo a súa lembranza reafirma o noso compromiso coa conservación do patrimonio natural da nosa bisbarra, pensando globalmente e actuando localmente. Nun día como hoxe, anímate a dar un paso máis connosco en favor da natureza.


Rastrillo o 7 de setembro

31 Agosto 2014

 
O próximo domingo día 7 de setembro celebrarémo-lo cuarto rastrillo deste ano, na praza do Campo de Betanzos, onde estaremos dende as 10:00 horas. Dependendo de cómo vaian as ventas, recolleremos ás 14:00 horas ou ben prolongarémolo durante toda a tarde. O traballo máis pesado é montar e desmonta-lo posto. Xa que logo, paga a pena continuar pola tarde cando a afluencia de público o xustifica e os voluntarios se animan a sacrificar todo o día festivo.

Alíate con eles para dotar a Fragas do Mandeo de recursos para mercar fincas de interese ambiental doando obxectos para os nosos rastrillos. Na sección Contacto atopara-los datos que precises.


Mercamos un prado

28 Agosto 2014

 
Hoxe asinamos na notaría de D. Óscar López Doval en Betanzos a escritura de compra dunha parcela de 4.460 m2 de superficie. Pagou a pena, pois con ela protexemos 200 metros de ribeira do río Mendo no concello de Oza-Cesuras.

A diferenza das anteriores adquisicións, neste caso trátase dun prado bordeado por un bosque de ribeira composto de ameneiros, freixos e salgueiros. A mestura de arborado e de prado na beira dun río crea unha heteroxeneidade de hábitats que a dota dun gran valor ambiental.

Agradecémosllo ás persoas que están a apoiar a Fragas do Mandeo e que contribuíron co importe necesario, permitíndonos así avanzar na conservación da natureza da bisbarra. ¿Non te animas a sumarte a elas cunha pequena doazón? Podes atopar máis información na sección Colabora ou ben consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Quedamos o día 24 para eliminar crocosmias

16 Agosto 2014

 
O domingo 24 de agosto imos achegarnos ó lugar de Chelo (Coirós) para continuar coa campaña de eliminación da crocosmia no río Mandeo.

Foto dun escarificadorPrecisamos da axuda de todos para eliminar esta especie exótica invasora do espazo natural protexido Betanzos-Mandeo. Cantos máis sexamos, antes acabaremos con ela. Anímate a participar: o traballo é doado e poden facelo tanto nenos como maiores.

Quedaremos diante do centro de saúde de Betanzos ás 9:30 horas para compartir vehículo e empezar a traballar na área recreativa de Chelo ás 10:00 horas. Remataremos a tempo para volver a casa a comer.

As ferramentas necesarias son moi sinxelas: un pequeno escarificador de man co que axudármonos a arrinca-los bulbos e unha tesoira de podar para logo separalos dos seus talos. Como temos poucas ferramentas, mira de traelas da casa ou pedirllas prestadas a algún amigo.

Se precisas de máis información, non deixes de preguntarnos (na sección Contacto tés tódolos datos necesarios).


100 quilos menos de crocosmias

8 Agosto 2014

 
Hoxe estiveron traballando no lugar de Chelo (Coirós) os compoñentes do último grupo de voluntarios da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia que viñeron a colaborar con Fragas do Mandeo na eliminación da crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), unha planta exótica invasora que está a coloniza-las ribeiras do río Mandeo.

Foto de bulbos de Crocosmia x crocosmiifloraAs vintedúas persoas que participaron nesta campaña sumaron en total 52 horas de traballo, xuntando 103 quilos de bulbos. Cando se arrincan crocosmias, hai que ter coidado de separa-los bulbos, pois teñen que ser destruídos para evita-la súa propagación. Pola contra, as flores e follas son inofensivas e poden reutilizarse para facer compost ou esterco.

Os voluntarios viñeron de distintos puntos de Galicia, dende Vigo até Cambre. Ademais de agradecerlles o seu traballo, explicámoslles os valores ambientais do espazo natural protexido Betanzos-Mandeo, os problemas que causan as especies exóticas invasoras e o papel que xoga a custodia do territorio como fórmula para a conservación dos hábitats e da biodiversidade locais.

Pero aínda queda traballo, pois a crocosmia ocupa unha zona extensa e o arrincado manual leva tempo. Esperamos convocar proximamente unha xornada de voluntariado para continuar con esta tarefa, pois canto máis se demore a súa total eliminación, peor será.


Rastrillo o 3 de agosto

23 Xullo 2014

 
O domingo día 3 de agosto celebrarémo-lo próximo rastrillo. Será como sempre na praza do Campo de Betanzos, onde estaremos dende as 10:00 até as 14:00 horas. Pero se cadra tamén estaremos pola tarde.

Na ocasión anterior os nosos voluntarios decidiron prorroga-lo horario, atendendo o posto continuadamente até as 21:00 horas: As ventas ían ben e era unha oportunidade para compensar que este ano tivemos que cancelar dous. Se a afluencia de público o xustifica de novo, e os voluntarios se animan, volveremos a prolongalo até o solpor.

Lembremos que todo este esforzo se realiza para que os rastrillos segan a ser unha das principais fontes dos ingresos que Fragas do Mandeo destina a mercar fincas de valor ambiental. Ponte en contacto connosco se queres doar obxectos para os nosos rastrillos. Daraslles un novo destino e axudarás á conservación da natureza da bisbarra. Na sección Contacto atopara-los datos que precises.


Arrincando flores en Chelo

10 Xullo 2014

 
Foto de CrocosmiaxcrocosmiifloraHoxe chegaron a Chelo varias persoas e puxéronse a arrincar flores. Non son vándalos, se non o primeiro grupo de voluntarios da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia que colaboran con Fragas do Mandeo na erradicación dunha especie exótica invasora: a crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora).

Durante os meses de xullo e agosto virán catro grupos de voluntarios, acompañados de monitores e debidamente autorizados. O seu obxectivo é arrincar de raíz estas flores sen deixar ningún bulbo na terra. Aínda que teñen unha aparencia inofensiva e se utilizan en xardinería por darse moi ben, son un problema ambiental cando se implantan nos espazos naturais. Procedente do cruce de dúas especies surafricanas, é frecuente nas comarcas do litoral galego, atopando nos lugares frescos e húmidos ―como as beiras dos ríos― un hábitat excelente para propagarse, desprazando así á vexetación autóctona. No lugar de Chelo (Coirós) plantouse como ornamental no aparcadoiro, e agora xa colonizou a canle do muíño e corrémo-lo risco de que siga avanzando pola beira do río Mandeo.

Nunca tires restos de plantas exóticas no monte nin liberes mascotas, pois podes crear graves problemas ambientais que afectan ás especies autóctonas.


Presentación na Coruña con Wood Feelings

7 Xullo 2014

 
Fragas do Mandeo foi invitada de novo a expoñe-lo seu proxecto na Coruña, tendo nesta ocasión como anfitrión a empresa Wood Feelings. Se no PechaKucha Night soamente tivemos 6 minutos e 40 segundos para falar, tal como corresponde a este singular formato de evento, o próximo venres estenderémonos o tempo que faga falla e o público formulará as preguntas que desexe.

Imaxe de Wood Feelings Wood Feelings é unha pequena empresa que xoga coa fonética do seu nome, pois deseña e fabrica artesanalmente mobles de alta calidade realizados en madeira maciza tratada con produtos ecolóxicos. Radicada en Cambre, esta nova iniciativa empresarial será presentada esta semana no Hangar de Test. Como parte do seu compromiso social, vai apoia-la custodia do territorio de Fragas do Mandeo na medida das súas posibilidades. Xa que logo estamos dobremente agradecidos por invitarnos a participar no seu evento de presentación e por axudar na conservación da natureza da bisbarra.

Desexámoslles éxito na súa singradura.

Lugar: Hangar de Test, rúa Barcelona 58 (A Coruña).
Data: 11 de xullo, ás 19:30 horas.

Máis información no perfil de Facebook de Wood Feelings.


Rastrillo de xullo

5 Xullo 2014

 
Mañá domingo día 6 montaremos de novo o rastrillo en Betanzos. O prognóstico meteorolóxico é que só choverá lixeiramente a primeira hora da mañá. Xa que logo, esperamos que a partires das 10:00 e até as 14:00 horas podamos poñer á venta na praza do Campo a gran variedade de artigos que os simpatizantes de Fragas do Mandeo doaron, colaborando así a xuntar fondos destinados a mercar fincas de interese ambiental.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).