A dez días da IV Semana de Custodia

9 Setembro 2015

 
Achegámonos á segunda quincena de setembro, e con ela á cuarta edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O programa deste ano está centrado nas especies exóticas invasoras, un grave problema ecolóxico no que cada vez resulta máis urxente tomar medidas eficaces. Abrirá a Semana unha xornada de charlas dedicada especificamente a esta cuestión, complementada días despois cunha actuación de voluntariado ambiental para exterminalas nun tramo do litoral.

Imaxe do programa da IV Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoAs especies exóticas invasoras están consideradas unha das principais causas de perda de biodiversidade a nivel planetario. Na nosa bisbarra sufrímo-la presenza de numerosas especies de flora e fauna invasoras, incrementándose o seu número co paso do tempo. Como exemplo, nos últimos meses tivo especial relevancia informativa a incidencia na comarca da nespra asiática (Vespa velutina), chegada a terras galegas hai tres anos. En tódolos casos, a mellor estratexia é a alerta temperá seguida dunha actuación inmediata eficaz: canto máis se retrase, máis difícil e custosa será a súa erradicación.

A plastificación do mar tamén é preocupante, pois causa a morte cada ano dun millón de aves mariñas e de cen mil tartarugas e mamíferos mariños. Isto é un argumento de peso para volver a programar a eco-regata, unha competición lúdica que tivo gran éxito o ano pasado e que inclúe actividades infantís paralelas. Tamén renovarémo-la nosa participación na limpeza simultánea dos ríos galegos. Con estas dúas actividades buscamos reduci-lo lixo que baixa polos nosos ríos e o que se acumula na costa, diminuíndo o seu impacto negativo nos ecosistemas acuáticos.

O obxectivo central da xornada de conferencias é divulgar o coñecemento actual sobre as especies exóticas invasoras presentes na nosa bisbarra, os métodos concretos de eliminación e as estratexias máis efectivas para afrontar este problema, tratando de fomenta-la colaboración entre expertos, particulares e Administración. A loita contra estas especies non debe atender a límites administrativos, pois ten que ser unha actuación coordenada que obedeza a estratexias intelixentes baseadas na distribución e comportamento biolóxico de cada unha das especies presentes na nosa bisbarra.

De novo a Semana volve a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois Fragas do Mandeo destina o 100 % das doazóns que recibe a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispón de medios económicos propios para actos deste tipo. Tamén colabora a Asociación Xuvenil Brigantium.

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 669 541 ou envía un correo electrónico a info@marinasbetanzos.org. Deste xeito terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas por adiantado.

Xornada sobre as especies exóticas invasoras nas Mariñas: A Semana comeza cun conxunto de charlas titulado Especies exóticas invasoras: un reto para a custodia do territorio. Trala apertura a cargo do alcalde de Betanzos, D. Ramón García, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo tras cinco anos de andadura, nos que a loita contra as especies exóticas tivo un papel primordial.

Imaxe do cartel da II Eco-regata Ría de BetanzosA primeira das conferencias correrá a cargo de D. Jorge Mouriño (Arcea Xestión de Recursos Naturais), biólogo experto en invasoras que nos permitirá coñece-la flora exótica máis preocupante localizada na nosa bisbarra e as maneiras de combatela. A continuación intervirá a Dra. Lucía Latorre (Seychelles Islands Foundation), bióloga con experiencia internacional na materia, que se centrará na forma de previr e erradica-la fauna invasora que ameaza os ecosistemas locais. Tras unha pausa a media mañá, D. Eliseo Zaera, coordinador do Departamento de Parques e Xardíns do Concello de Oleiros, contaráno-la súa experiencia nun municipio que lidera esta loita na bisbarra. A continuación Dª Natividad Gilsanz, técnico de medio ambiente do Concello de Miño, exporá as liñas de actuación neste municipio e a importancia da colaboración coas entidades privadas. Rematarémola xornada cunha mesa redonda, na que se sumará ós anteriores D. Jorge Blanco, xestor da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, para debate-las posibilidades de establecer unha estratexia efectiva para erradica-las especies exótica invasoras na nosa bisbarra, de xeito que poidan coordinarse os esforzos das Administracións locais, da reserva, das distintas entidades sociais e dos particulares.
Data: Sábado 19 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.

Eco-regata na ría de Betanzos: A morea de refugallos que recollemos o ano pasado na marisma ―¡máis de 200 sacos!― animou a tódolos participantes a repetir esta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións, apoiadas en terra polos seus equipos, afanaranse por ver cal é a que máis lixo recolle e a que atopa o refugallo máis singular. A saída e a meta estarán no porto de Betanzos, onde haberá comida, bebida, música e actividades infantís. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 20 de setembro, de 16:30 a 20:30 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Voluntariado en Ponte do Porco: A segunda xornada de voluntariado ambiental estará centrada na eliminación da flora exótica invasora que ameaza a biodiversidade da praia da Alameda. Como sempre, retiraremos de paso todo o lixo que poidamos. Nos últimos cinco anos arrincámo-la uña de gato (Carpobrotus edulis), os plumachos (Cortaderia selloana) e o eixerón (Conyza canadensis). Aparte de revisar se algunha delas apareceu de novo, este ano atacaremos outras invasoras: a santalina de auga (Cotula coronopifolia), o Aster squamatus e o Cyperus eragrostis. Igual que nas ocasións anteriores, contamos coa colaboración do Concello de Miño. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 26 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño).

Limpeza simultánea de ríos: Por terceira vez imos achegarnos ó río Mendo para participar na oitava edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. O ano pasado, as 54 entidades que nos apuntamos recollemos máis de 12 toneladas de lixo. En función do número de inscritos repartirémo-los tramos, coa intención de recoller canto refugallo atopemos entre a ponte das Moas e a ponte de Taibo. Son 8 km de percorrido de gran beleza, no que boa parte está integrada no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. O traxecto non é dificultoso, pero convén levar calzado e roupa axeitados para andar polo monte, ademais de luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 27 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o centro de saúde de Betanzos.

A Semana de Custodia é algo máis que outro evento da axenda cultural local. Busca proporcionar unha ocasión ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra de actuar de xeito directo, eficaz e coordenado na súa conservación.

É tempo de moverse pola nosa biodiversidade: ¡Apúntate!

Foto de voluntarios na praia da Alameda


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).