Na parcela que estamos restaurando na Espenuca, o pasado sábado un grupo de dez voluntarios rematou a plantación de carballos e de cravar titores. Esta tarde, cinco destes voluntarios empezaron a poñerlles protectores para que non os rillen os corzos. As puntas triscadas dos fillos que están a saír dalgúns cepos de castiñeiro e de carballo demostran que frecuentan esta parcela.
A nosa mascota Dona, axudada pola súa compañeira Gala, miran de expulsalos da zona. De feito, os voluntarios puideron ve-lo sábado como un corzo, na súa fuxida, pasaba moi preto deles. Estaba escondido na carballeira lindeira, pero as dúas cadelas osmárono e botárono de alí en dirección ós eucaliptais do leste. Na persecución, Dona mancou unha das patas traseiras, pero ó día seguinte xa estaba de novo en forma.
Este domingo día 30 está convocada unha nova xornada de voluntariado para acabar de instala-los protectores e dar por rematada a segunda fase da restauración. Agora os visitantes poden consulta-lo panel informativo, segui-lo itinerario marcado que percorre toda a parcela e cruza-la pequena carballeira que sobrevive nela identificando a diversidade de árbores que a compoñen. Ou ben gozar da paisaxe descansando a carón dunha pena, xa libre de ramallada de eucalipto. Pero sobre todo, imaxina-lo tamaño que terán os carballos plantados dentro de cincuenta anos e a cantidade de vida que albergará a fraga cando cubra toda a parcela, momento no que se terá acadada a súa completa restauración ecolóxica.
O próximo mes comezará a terceira fase: o mantemento da parcela. Entre os traballos previstos están o de reforza-la plantación sementando landras, castañas e abelás recollidas na zona, ademais de volver a repasa-los cepos de eucaliptos para conseguir que sequen definitivamente.
Se queres ser un dos protagonistas deste fermoso proxecto, apúntate á xornada de voluntariado deste domingo enviándonos os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 30 de agosto de 2015.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.
Os traballos da primeira fase consistiron en triturar toda a ramallada que quedara da corta dos eucaliptos, en rozar tódolos fillos e en dana-los cepos para secalos. Nesta segunda fase, os voluntarios retiraron paus dos camiños interiores, abriron un carreiro pola zona onde sobrevive unha pequena carballeira, instalaron un panel informativo e cravaron titores.
Na súa visita ó monte de Os Vellos, tras recibir información sobre os nosos avances na restauración ecolóxica da fraga, os voluntarios traballaron amoreando a ramallada de eucalipto resultante da última corta, facilitándonos así a futura reforestación con especies autóctonas. 
Hoxe asinamos a escritura da compra dunha parcela de 1.400 m2 na notaría de D. Óscar López e D. Gonzalo Freire en Betanzos.
Onte empezamos as tarefas de restauración dun deses montes: o situado ó norte da ermida e que conta cunha superficie de 16.846 m2. Aínda que os eucaliptos xa os mandara cortar o Concello hai pouco máis dun ano, abrollaron con forza e agora son máis altos cunha persoa.
O seu aniversario lémbranos que no ano 2010, tal día coma hoxe, naceu Fragas do Mandeo. Pasado este primeiro lustro podemos bota-la ollada cara atrás e comprobar se nos mantivemos fieis ós obxectivos iniciais: practica-la custodia do territorio con fins de conservación da natureza no entorno da comarca de As Mariñas.
A media mañá, arrexuntados na pequena carballeira que medra no sueste da parcela, repuxemos forzas gozando dun ambiente máis fresco. Se antes sufrimos a sequidade do eucaliptal, no interior da carballeira atopamos o que os especialistas chaman un ambiente nemoral, caracterizado por ter máis sombra, máis humidade, temperaturas máis suaves e incluso menos correntes de aire. Este entorno é o que facilita que moitas especies ameazadas sobrevivan nas nosas fragas nos meses máis rigorosos, sexa pola calor ou polo frío, entre elas fentos relictos como a Woodwardia radicans. E tamén un lugar agradable para o avituallamento no que, como en ocasións anteriores, colaborou a empresa Gadisa.
O ano pasado reforestamos a parte darriba desa parcela situada en Os Vellos (Coirós). Se antes estaba repleta de eucaliptos, agora medran nela carballos, castiñeiros, bidueiros, salgueiros e loureiros, que co tempo formarán unha auténtica fraga.

















