Rematada a primeira fase da reserva de anfibios

12 Outubro 2016

 
Esta mañá, 25 persoas achegáronse á reserva de anfibios do Catorce: o voluntario máis maduro era sesaxenario e o máis novo tiña… ¡18 meses! O obxectivo era tentar remata-la primeira fase de actuacións na reserva. Conseguírono.

Malia a dificultade de organiza-lo traballo dun grupo tan numeroso e diverso, cada un soubo buscar aquela tarefa que podía afrontar. Cortáronse eucaliptos con motoserra e con machados Pulaski, xuntáronse as toradas e amoreouse a ramallada, apañouse o lixo que apareceu e transportouse ó punto de recollida, cortouse algunha silveira e anciñouse a biomasa dunha charca renovada, arrincáronse toxos e retiráronse paus que estorbaban nos camiños. Os participantes quedaron tan cansados coma contentos polo traballo feito.

Pasados 99 días dende que asinamos o acordo de custodia do territorio co Concello de Coirós, coa axuda de 61 voluntarios que dedicaron un total de 384 horas, máis unha xornada laboral dun tractorista grazas á xentileza do Distrito Forestal II, as melloras do hábitat previstas na zona húmida están executadas, xusto cando empezan a chegar as choivas outonais.

Agora comeza a segunda fase. Temos que buscar financiamento externo para poder contratar profesionais que corten mediante métodos de escalada os eucaliptos que medran nas paredes da canteira, que retiren e procesen as uralitas con amianto contaminante, que coloquen un valado nos desniveis para evitar que os visitantes se esnafren accidentalmente, que elaboren os paneis informativos e que reformen un par de edificacións abandonadas, unha onde poidan acubillarse ante o mal tempo os visitantes e a outra como refuxio para morcegos e aves nocturnas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).