Menos xardinería no río

7 Setembro 2017

 
Nos últimos días estivemos eliminando especies exóticas no entorno do Centro de Interpretación de Chelo e do muíño de maquía. Ademais de invasoras como o ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium) ou a hortensia (Hydrangea sp.), tamén retiramos catro especies exóticas coas que hai tempo se axardinou a beira do río: o evónimo xaponés (Euonymus japonicus), a madreselva china (Lonicera ligustrina ssp. yunnanensis), a celinda (Philadelphus coronarius) e a roseira gabeadora (Rosa sp.). Todas estas plantas exóticas, con independencia do seu carácter invasor, están ocupando espazo nun hábitat cualificado como prioritario pola Unión Europea (91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior) no que teñen que dominar ameneiros, freixos, dentabrúns e outras especies autóctonas. Precisamente a importancia deste hábitat deu lugar á declaración de espazo natural protexido para o río Mandeo.

Foto dos voluntariosNon foi fácil, debido á pendente do terreo, ó substrato no que imperaban as pedras e ó gran tamaño dalgúns exemplares, cuxos restos ocuparon 5 m3. Pero con esta actuación rematamos coa eliminación dos últimos representantes que quedaban destas especies exóticas no tramo de 6 km de lonxitude que apadriñamos no río Mandeo, comprendido entre o pozo do Caneiro e a ponte de Teixeiro.

Tamén dedicámoslle tempo a repasa-la presenza da tradescantia (Tradescantia fluminensis), tanto nas zonas onde a erradicamos coma onde actuaron os voluntarios do campo de traballo internacional. Pero aínda nos queda faena: o próximo domingo continuaremos coa súa eliminación nas ruínas do sanatorio do Bocelo.

Como o río leva moi pouca auga a causa da seca, aproveitamos para recoller cachos de ladrillos, tellas, azulexos, vidros e outras formas de escombro no pequeno brazo de río da área recreativa. Aínda que son elementos inertes, restan naturalidade a este espazo no que a beleza tamén é un aspecto importante. Por iso ninguén botará de menos o escombro co que enchemos oito esportas.

Dado que estamos no tempo en que as abeleiras frutifican, estivemos recollendo abelás para sementar cando chegue o momento axeitado nos montes que estamos reforestando.

Por último, hoxe, para non esquecernos do litoral, tres voluntarios volveron á praia da Alameda co obxectivo de repasa-las invasoras e recoller lixo. Tendo en conta que a última xornada nela foi o 18 de xuño, sorprendeunos os poucos refugallos que atopamos. Tamén foi gratificante comproba-la escaseza de eixerón (Conyza canadensis) e de Aster squamatus onde tiñan traballado os voluntarios. Localizamos unha reaparición de crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) nun dos aparcadoiros e soamente atopamos catro pequenos plumachos (Cortaderia selloana). Aínda así, rematamos cargando con 6 sacos de restos vexetais, pero satisfeitos recordando como era esta praia antes de que a apadriñáramos, limpáramos e elimináramos nove especies exóticas invasoras.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).