Todo listo para a VI Semana de Custodia

7 Setembro 2017

 
Xa temos todo preparado para celebrar a finais de setembro a sexta edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. En liña de continuidade coas edicións anteriores, complementaremos a xornada de conferencias con tres de voluntariado.

Imaxe do programa da VI Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo O programa deste ano está centrado no noso litoral, moi afectado pola intensa presión que causa a gran densidade poboacional da franxa costeira. A xornada de charlas amosará tres facetas distintas da nosa ría, o que nos permitirá coñecer mellor o seu estado de conservación e as ameazas sobre os hábitats que alberga. Nas xornadas de voluntariado actuaremos directamente fronte a dous graves problemas ambientais, as especies exóticas invasoras e o lixo que acaba no mar, no que destacan os plásticos.

A Semana volve a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois nós destinamos o 100 % das doazóns que recibimos a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispoñemos de medios económicos propios para actos deste tipo.

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que cheguen a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e actividades nas que te apuntas). Deste xeito terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas por adiantado.

Xornada sobre a necesidade de conserva-la costa: Como acto central da Semana programouse un conxunto de charlas titulado A necesidade de conservar o noso litoral mediante custodia do territorio. Trala apertura a cargo da alcaldesa de Bergondo, Dª. Alejandra Pérez, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo nestes sete anos de andadura, nos que estivemos a traballar intensamente na restauración dos nosos bosques autóctonos e na conservación dos ríos, da marisma e das praias.

Imaxe do cartel da IV Eco-regata Ría de BetanzosA primeira conferencia correrá a cargo da bióloga mariña Dª. Verónica García, investigadora da Universidade da Coruña, que nos explicará a importancia ecolóxica das praderías mariñas, uns hábitats conformados na nosa ría por tres especies de fanerógamas (plantas con flores) subacuáticas, que tamén aloxan algas e innumerables seres mariños, facendo delas indicadores da calidade do ecosistema. O segundo bloque de charlas comezará trala pausa de media mañá. Primeiro intervirá o paisaxista e biólogo experto en restauración ambiental D. Antón Bouzas, para transmitirnos o seu coñecemento sobre os areais da nosa bisbarra, a composición da súa flora e o nivel de degradación que sofren, explicando as técnicas de restauración que poderían aplicarse. Por último, o oceanógrafo químico Dr. Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, explicará a extensión e gravidade da contaminación por plásticos que están a sufrir tódolos mares do planeta e a maneira como afecta ós distintos elos da cadea alimentaria.
Data: Sábado 23 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Centro Multiusos A Senra (Bergondo).

Voluntariado en Miño: A primeira xornada de voluntariado ambiental estará centrada na eliminación da flora exótica invasora que ameaza a biodiversidade da praia Grande de Miño. Como sempre, retiraremos de paso todo o lixo que poidamos. Nos últimos tres anos temos arrincado nesta praia uña de gato (Carpobrotus edulis), plumachos (Cortaderia selloana), crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), vinca (Vinca difformis), margarida africana (Arctotheca calendula), yuca (Yucca gloriosa) e lirio azul (Iris germanica). Revisaremos a reaparición destas e doutras novas que teñan aparecido. Igual que nas ocasións anteriores, contamos coa colaboración do Concello de Miño. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 24 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Praia Grande de Miño.

Imaxe do cartel da VI Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoLimpeza simultánea de ríos: Este ano é a décima edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a quinta edición na que colaboramos (farémola a véspera da xornada oficial por razóns organizativas). O ano pasado participamos 762 persoas de 59 entidades, e logramos retirar case 13 toneladas de lixo en 48 tramos de río. Este ano cambiamos de río, pois imos achegarnos ó río Callou coa intención de recoller canto refugallo atopemos no tramo comprendido entre as proximidades da estrada N-VI e a súa desembocadura en Miodelo. Son 3 km de percorrido por un bosque diverso que sobrevive nun entorno moi urbanizado. O traxecto non é dificultoso, pero convén vestir calzado e roupa axeitados para andar polo monte, ademais de levar luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 30 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Eco-regata na ría de Betanzos: O lixo que recollemos na marisma nas tres edicións anteriores encheron cinco contedores industriais, sumando un volume total de 40 m3. Ademais de volver a apañar tantas botellas, plásticos e refugallos varios como en anos anteriores, nesta ocasión témo-lo obxectivo engadido de retirar medio cento de pneumáticos ciscados ilegalmente na marisma. Para conseguilo apelamos á sensibilidade da cidadanía, animando a todo o mundo a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos con rumbo a Mariñán, onde haberá que afanarse para poder se-lo que máis lixo recolle e o que atope o refugallo máis singular. No porto haberá comida, bebida, música e actividades infantís. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Tamén colaboran os concellos de Bergondo e de Betanzos, Protección Civil, restaurante Casa Vidal e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 1 de outubro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

A axenda cultural local está chea de actividades ó longo do ano. Pero a Semana de Custodia é un evento único, pois proporciona ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra a oportunidade de actuar de xeito directo, eficaz e coordenado na súa conservación.

Non deixes pasar esta ocasión. ¡Paga a pena!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).