¿Que fixemos na VI Semana de Custodia?

2 Outubro 2017

 
Tal como estaba programado, a xornada inaugural da sexta edición da Semana de Custodia Custodia iniciada o sábado día 23 contou coa presenza en A Senra (Bergondo) de tres conferenciantes de elevado nivel que nos transmitiron os seus coñecementos sobre as praderías mariñas, a restauración da vexetación dunar e a plastificación dos océanos. Mágoa dalgún problema técnico e do reducido número de asistentes (25 persoas), compensado polo gran interese nos distintos temas amosado nas preguntas realizadas e nos longos desprazamentos dalgúns membros do público. Isto fainos pensar na necesidade de mellora-la comunicación do evento nas próximas edicións.

O domingo día 24 o prognóstico meteorolóxico de bo tempo fallou. Malia choiva, 15 persoas pasaron a mañá mellorando o estado ecolóxico da praia Grande de Miño. Un grupo de catro voluntarios dedicouse a corta-los mioporos próximos á ponte. Coas pólas e troncos fixeron dúas grandes moreas; para transportalas, os traballadores do Concello de Miño precisaron facer tres viaxes co tractor. O resto dos voluntarios estivo repasando todo o sistema dunar na procura de especies exóticas invasoras e de lixo. Cos refugallos soamente encheron unha saca tipo big bag (a campaña municipal de limpeza estival rematou recentemente). En canto a invasoras, encheron dúas sacas cos restos de 5 especies. Dúas delas reapareceron tras ser erradicadas en anos anteriores, pois atopamos dúas manchas pequenas de uña de gato e catro plumachos. Tamén esperamos ter erradicado definitivamente a vinca, pois tras dous anos eliminándoa, soamente apareceron catro exemplares. As outras plantas eliminadas foron o eixerón e o áster.

Xa que logo, o balance do traballo realizado dende marzo de 2015 na praia Grande é:

uña de gato (Carpobrotus edulis)
plumacho (Cortaderia selloana)
vinca (Vinca difformis)
eixerón (Conyza canadensis)
áster (Aster squamatus)
crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora)
mioporo (Myoporum laetum)
margarida africana (Arctotheca calendula)
yuca (Yucca gloriosa)
lirio azul (Iris germanica)

O luns un par de voluntarios eliminaron dúas ducias de plumachos na zona norte da marisma, aínda que deixaron por arrincar cinco matas de gran porte, das que primeiro retiraron as inflorescencias e logo cortáronas polo pé. Tamén cortaron os mioporos nesta zona, polo que agora unicamente quedan os que forman unha sebe na beira da estrada.

Con isto non remata o traballo, pois na zona dunar están presentes diversas árbores exóticas (robinia, acacia negra, chopo híbrido, eucalipto, plátano de sombra) e algunha herbácea invasora como é a grama americana (Stenotaphrum secundatum). Na marisma tamén quedan outras como o senecio (Senecio mikanioides) ou o té americano (Bidens aurea). Pero imos avanzando.

Finalmente, a choiva respectou ós voluntarios cando a última hora da mañá gozaron dun momento de convivencia charlando mentres degustaban unhas viandas subministradas pola organización.

O sábado día 30 un grupo de 21 persoas limpamos o río Callou (Bergondo); de paso tamén eliminamos algunhas invasoras. Non foi o ano no que máis camiñamos (soamente 2 km), pero si no que máis lixo recollemos. Preto do inicio do itinerario estaba a maior concentración de lixo de todo o percorrido, polo que tiñamos pedido ó Concello de Bergondo que nos instalara alí un contedor industrial. Tivemos que empezar retirando a tradescantia (Tradescantia fluminensis) que cubría os refugallos, pois é unha invasora de orixe suramericana. Ó pouco de poñernos a traballar, xa tiñamos cheo o contedor. Para aproveita-lo tempo, mentres a empresa de tratamento de residuos levábao e traía outro baleiro, continuámo-la ruta. En tres puntos máis atopamos vertidos, principalmente plásticos e ferros, pero en menor cantidade. Ó final do itinerario arrincamos varios pes de ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium) e recollemos dúas pranchas de uralita. Paralelamente, tres voluntarios foron percorrendo o río polo leito, retirando refugallos e apuntando a localización das especies invasoras. Xa de volta ó punto de partida, enchémo-lo segundo contedor. Como remate da xornada de traballo, degustámo-las viandas e as bebidas que proporcionámo-los organizadores. O balance foi de aproximadamente 11 m3 de lixo e de entullos, máis 2 m3 dos restos vexetais das invasoras.

Onte, domingo día 1, celebramos a cuarta edición da eco-regata para limpar deportivamente a marisma de Betanzos. Reunímonos pola maña no porto, ameazando o orballo con arruinarno-la xornada. Pero pronto parou e as 62 persoas inscritas dividímonos en equipos para dirixirnos en barca á punta da Ostreira a bordo do Froján, a Chico, o Bicho, a Sin Frenos e o Arguider. Unha vez desembarcados, un equipo marchou ó punto onde se acumulaba máis de medio cento de rodas de camión e o resto púxose a apañar lixo nos tramos asignados. Coa axuda dunha grúa subimos á estrada 65 rodas e as sacas cargadas coas bolsas de refugallos apañados nas proximidades, coas que enchemos a rebordar un contedor industrial de 10 m3. Sumando o acumulado noutros puntos, en total retiráronse 14 m3 de lixo e 72 rodas (62 de camión, 1 de tractor e 9 de coche).

O balance: 26,5 m3 de residuos, 72 pneumáticos e 19 m3 de restos vexetais de especies exóticas

Paralelamente, no porto de Betanzos os cativos e un par de adultos encheron un contedor urbano e recolleron 3 rodas de coche. Cando chegamos de volta tiñan feito unha cara sorrindo con refugallos. Cansos e famentos como viñamos, os voluntarios non esperamos ó resultado do concurso de refugallos máis orixinais, botándonos á comida e á bebida dispostas no porto e compartindo as tres empanadas dos premios. Momento de falar das aventuras e de rir coas incidencias que se solucionaron cunha ducha e unha lavadora.

Hoxe un par de voluntarios achegáronse á tarde para completa-lo traballo, avaliando os resultados e recollendo as uralitas que quedaban no esteiro e nos noiros. En total foron 1,5 m3 de cachos dun material que contén amianto contaminante.

Así rematou a Semana, na que temos que agradecer ós voluntarios todo o seu esforzo (¡incluso sete deles viñeron de Santiago!), ós conferenciantes, ós concellos colaboradores (especialmente ó de Bergondo pola súa gran implicación, pero tamén ós de Miño e de Betanzos), ós equipos de Protección Civil de Bergondo e de Betanzos, e a Comercial Vicente de la Fuente.

Queda pendente para outras ocasións continuar coa eliminación das especies exóticas invasoras na praia Grande Miño, eliminar no río Callou os numerosos focos de tradescantia, volver á ría a recoller unha ducia de rodas que quedaron alí por falta de tempo e para continuar a limpeza en máis tramos. ¡Todo se andará!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).