Hoxe estivemos en Pontevedra presentando o traballo de Fragas do Mandeo nun marco destacable, a I Xornada Galega de Patrimonio Natural e Biodiversidade. Organizada pola sección pontevedresa da Sociedade Galega de Historia Natural e celebrada na Escola Universitaria de Enxeñaría Forestal, contou coa participación de 11 relatores que abrangueron multitude de temas, dende os incendios forestais até software de seguimento de fauna, pasando pola información ambiental ou os problemas ambientais que causan os microplásticos. Unha xornada moi interesante que contou con numeroso público e da que os organizadores confían en darlle continuidade.