Segunda xornada de tradescantia o día 27

23 Agosto 2017

 
Este domingo día 27 será a segunda xornada de voluntariado ambiental para elimina-la tradescantia (Tradescantia fluminensis) presente nas ruínas do balneario do Bocelo. Así daremos continuación ó traballo iniciado o pasado día 30 co obxectivo de erradicar definitivamente este foco, un dos dous últimos que quedan desta especie exótica invasora no tramo de 6 km que apadriñamos no río Mandeo.

Como esta planta sudamericana é moi doada de arrincar, non se utilizarán outras ferramentas que algún anciño. Soamente se precisan unhas luvas e tamén poden ser útiles uns protectores para os xeonllos. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 27 de agosto de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Foto dos voluntariosPost data: A xornada transcorreu seguindo fielmente o programa grazas á exquisita puntualidade e dilixencia dos dez voluntarios que participaron nela. Arrincaron tódalas plantas de tradescantia que medraban no interior do edificio da esquerda, enchendo nove sacos cos seus restos e outro máis co lixo que persoas incívicas ciscaron alí. De novo, o seu traslado por un carreiro a través do monte até os vehículos, situados a máis dun quilómetro de distancia, foi o máis fatigoso. Agora soamente queda elimina-la tradescantia no espazo que separa os dous edificios, para o que convocaremos no futuro outra xornada.


Xornada de voluntariado o día 20 en Os Vellos

15 Agosto 2017

 
Este domingo día 20 imos achegarnos ó monte que mercamos en Os Vellos (Coirós), onde xa temos eliminados os eucaliptos para recupera-lo bosque autóctono. O obxectivo é eliminar o exceso de mato que dificulta o crecemento dos castiñeiros que plantamos e que tamén supón un risco en caso de incendio (o monte linda coa autovía). No caso de que dea tempo ou sexamos suficientes para formar dous grupos, tamén continuaremos coa eliminación do xunco Cyperus eragrostis na reserva de anfibios do Catorce.

É conveniente levar instrumentos de corte (gabillo ou podadeira) por se non chegan as nosas ferramentas; tamén é recomendable levar luvas e protectores para os xeonllos. Viste roupa axeitada para traballar no monte e non esquezas levar algo de picar e de beber para a pausa de media mañá.

Para apuntarte a esta xornada de voluntariado ambiental basta con enviarnos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 20 de agosto de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: As sete persoas que participaron na xornada de voluntariado foron quen de cortar todo o exceso de mato no noso monte de Os Vellos. Os castiñeiros, carballos, bidueiros e salgueiros que plantamos ou naceron espontaneamente teñen agora menos competencia. Nuns anos, a súa sombra será a que limite o crecemento do mato.

Foto dos voluntarios


Menos invasoras nos nosos ríos

2 Agosto 2017

 
A última quincena foi un tempo ben empregado: eliminamos varias especies exóticas invasoras que medran nas beiras dos dous ríos que apadriñamos.

Foto dos voluntariosNo Mendo percorrémo-lo tramo entre a ponte das Moas e a ponte dos Cabalos en busca de lixo e invasoras. Atopamos poucos refugallos, salvo a concentración habitual no entorno da ponte dos Cabalos. Tamén eliminamos toda canta crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) e ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium) localizamos no percorrido. Xa que logo, agora podemos dicir que non quedan crocosmias nos 8 km que separan a ponte das Moas da ponte de Mende. Esperamos poder afirmar proximamente o mesmo dos ligustros asiáticos.

No Mandeo estivemos eliminando dous dos catro focos de loureiro romano (Prunus laurocerasus). No entorno da área recreativa de Chelo e no aparcadoiro, repasámo-las reaparicións de crocosmia, de tradescantia (Tradescantia fluminensis), de hortensia (Hydrangea sp.) e do xunco Cyperus eragrostis. Aproveitando que o nivel do río está baixo, inspeccionámo-la súa beira no muíño de maquía, onde eliminamos un foco de crocosmia escondida no inferniño e outro de tradescantia gabeando polo muro. Con esta última actuación conseguimos remata-la fase de erradicación da crocosmia nos 6 km entre O Caneiro, lugar situado augas arriba da minicentral, e a ponte de Teixeiro. Agora pasamos á fase de vixilancia de reaparicións.

Foto dos voluntariosNa xornada de traballo do último domingo de xullo, dez voluntarios estivemos arrincando tradescantia nas ruínas do balneario do Bocelo. Enchemos pacientemente once sacos de 100 litros cos seus restos. O peor foi cargar con eles a costas ó longo dun quilómetro de carreiro até os vehículos. Limpamos totalmente a fonte de augas sulfurosas, o edificio da dereita e a entrada norte do da esquerda; soamente queda acabar con ela dentro deste último edificio e no espazo que separa ambos. O Bocelo, mailo entorno do vello edificio da minicentral, son os dous últimos focos desta especie de orixe sudamericana no tramo de río que apadriñamos.

Hoxe achegámonos ó Centro de Interpretación de Chelo para recibir ás 18 persoas que forman parte do segundo campo de traballo internacional que promovemos. Son 14 voluntarios procedentes de distintos puntos de España (Andalucía, Valencia, Cataluña, Canarias e Estremadura), pero tamén de México, Francia e Italia. A eles súmanse o director, dous monitores e un aprendiz de dirección de campo. Escoitaron con atención as explicacións respecto a Fragas do Mandeo e sobre a importancia de elimina-las especies exóticas invasoras. A partir de mañá traballarán no rego das Bouzas, un afluente do Mandeo que desemboca en Chelo, eliminando os focos de crocosmia e de tradescantia que ameazan con recoloniza-las zonas onde as temos erradicado. Hai que agradecerlles que veñan de tan lonxe a botarnos unha man e así seren un exemplo de compromiso coa conservación do noso patrimonio natural.

Post data: Foi unha gran axuda a que nos prestaron os participantes no campo de traballo. Entre os días 2 e 12 estiveron nun terreo complicado eliminando tradescantias e hortensias, máis algunhas crocosmias. Tivemos que facer dous viaxes para transportar os 10 m3 de materia vexetal retirada. A Televisión de Galicia fíxolles unha entrevista que emitiu no telexornal do día 9.

Foto dos voluntarios


Xornada de voluntariado o día 30 no Mandeo

26 Xullo 2017

 
Para este domingo día 30 programamos unha nova xornada de voluntariado ambiental como continuación da campaña de erradicación de especies exóticas invasoras nos ríos da bisbarra.

Neste caso o obxectivo é eliminar toda a tradescantia (Tradescantia fluminensis) presente no balneario do Bocelo. Estas ruínas están situadas nun fermoso lugar augas arriba de Chelo, na ribeira dereita do río Mandeo. Alberga un dos dous últimos focos de tradescantia presentes no tramo que apadriñamos, ameazando con expandirse cara ó río e coloniza-la súa beira.

Calquera persoa pode axudar: debido á súa fraxilidade, esta planta suramericana é moi doada de arrincar. Xa que logo, non se utilizarán ferramentas. Soamente se precisan unhas luvas e tamén poden ser útiles uns protectores para os xeonllos. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudar a erradica-las especies exóticas invasoras do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 30 de xullo de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Velutinas e outras especies exóticas invasoras

16 Xullo 2017

 
Foto dos voluntariosEsta mañá nove voluntarios acudiron á Reserva de Anfibios do Catorce co obxectivo de erradicar dúas plantas de orixe americana, o xunco Cyperus eragrostis e o eixerón (Conyza canadensis). Deulles tempo a eliminalos en toda a terraza superior da canteira e na entrada do nivel inferior. Xa que logo, queda pendente arrinca-las plantas que hai na explanada principal, onde eses xuncos son moi abondosos.

A eliminación de especies exóticas invasoras é un traballo pouco agradecido: os resultados non se ven. Así puideron constatalo estes voluntarios cando se lles explicou que uns días antes, pendendo dun saliente rochoso na parede da canteira, había un niño de nespra asiática (Vespa velutina) preto de onde estaban traballando. Como nin temos experiencia nin equipamento para eliminalos, pedimos axuda ó especialista Lolo Andrade, co que mantivemos unha interesante conversa na súa visita á reserva. Tivo a xentileza de volver esta mesma semana para eliminalo de noite, cando todas as nespras estaban dentro do niño. Hoxe non había rastro delas.

Foto do Lolo AndradeAínda houbo máis nesta semana. Na marisma do río Lambre, baixo o viaduto, un dos nosos voluntarios estivo eliminando plumachos (Cortaderia selloana) e budleia (Buddleja davidii). Xa os erradicáramos hai tres anos, pero reapareceron algúns pés. Como localizou un par de focos de crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), aproveitou para desenterra-los seus tubérculos antes de que se expandan. Tamén o río Mandeo mereceu unha visita para eliminar plumachos localizados nas proximidades da minicentral do Zarzo e, de paso, iniciamos unhas probas para erradica-lo loureiro romano (Prunus laurocerasus), pois nesa zona hai catro focos desta árbore procedente de Asia Menor, que tamén deben controlarse canto antes mellor.

Foto dos voluntarios


Voluntariado o día 16 na reserva do Catorce

10 Xullo 2017

 
Hai un ano que empezamos a custodiar tres parcelas do Concello de Coirós para crear a Reserva de Anfibios do Catorce. En cen días transformamos radicalmente o espazo, recollendo lixo, eliminado as especies exóticas invasoras máis perniciosas, rozando os camiños e o exceso de mato, renovando charcas e creando outras novas. Hoxe, a rápida naturalización borrou as pegadas desas intervencións, pero o ollo experto sabe valorar o resultado: unha mellora significativa do hábitat.

Foto do xunco americanoOs traballos non remataron. Nos meses pasados estivemos formalizando os numerosos trámites dunha solicitude de subvención para acomete-las actuacións que precisan de profesionais (retirada de uralitas con amianto contaminante, corta de eucaliptos nas paredes rochosas, instalación dunha barreira que impida o paso a vehículos e dun valado que evite caídas polos desniveis, rehabilitación dos edificios do vestiario e do transformador). Mentres, queremos seguir avanzado na erradicación total das plantas exóticas.

Este domingo imos arrincar dúas especies de procedencia americana: o xunco Cyperus eragrostis e o eixerón (Conyza canadensis). Son plantas pequenas, doadas de arrincar, pero numerosas, polo que precisamos de moitas mans.

Como habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos. Como prognostican un día soleado, lembra vestir roupa axeitada e usar crema de protección solar. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres implicarte na creación desta reserva e axudar a conserva-lo enclave de reprodución de anfibios máis importante de Coirós, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 16 de xullo de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Medra a reserva do Ollo da Roda

20 Xuño 2017

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe ampliamos a superficie da reserva do Ollo da Roda mediante a sinatura do documento que nos transmite a titularidade dunha parcela de 4.420 m2. Non é unha máis: aparte de permitirnos ampliar esta reserva, contén un ameneiral ben desenvolvido nun terreo hidromorfo, inundado boa parte do ano. Xa que logo, estamos falando dun hábitat prioritario no que non é difícil atopar especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Como en ocasións anteriores, este monte puido adquirise grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores, pois para iso non recibimos nin subvencións públicas nin dispoñemos de grandes mecenados.

Ultimamente temos minguado o ritmo de adquisición de montes por unha boa razón: aforrar. Temos presentada unha solicitude de subvención para poder abordar varios traballos na reserva do Catorce, nos que se precisa a intervención de profesionais en tarefas custosas tales como a retirada de uralitas con amianto contaminante ou a tala de eucaliptos nas paredes graníticas. Para cobra-la subvención que sufrague estes gastos, primeiro temos que aboa-las facturas e logo presenta-los xustificantes de pago.

Pero neste caso, dada a importancia da parcela, non podiamos deixar pasa-la oportunidade. En canto nos sexa posible, volveremos a recupera-lo ritmo de compras para así seguir aumentando a superficie destinada a perpetuidade á conservación do noso patrimonio natural.

¡Anímate a colaborar! Calquera achega será benvida.


Voluntariado na praia da Alameda

15 Xuño 2017

 
Para o próximo domingo, día 18, programamos unha xornada de voluntariado ambiental na praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño), o areal con máis biodiversidade de todo o espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, integrado na Rede Natura.

Foto dos voluntariosCando iniciámo-lo noso apadriñamento deste enclave no ano 2011, a praia estaba chea de lixo e invadida de plumachos (Cortaderia selloana). Dende entón temos recollido moreas de refugallos e eliminamos, ademais dos plumachos, varias plantas exóticas invasoras: a uña de gato (Carpobrotus edulis), a santalina de auga (Cotula coronopifolia), o xunco Cyperus eragrostis, o eixerón (Conyza canadensis), o Aster squamatus, a crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) e o mióporo (Myoporum laetum). As súas condicións ecolóxicas melloraron moito, pero non podemos dar por erradicadas todas estas especies.

O principal obxectivo este domingo será elimina-las plantas de eixerón e áster antes de que boten sementes. Tamén arrincaremos algúns plumachos e crocosmias que localizamos despois das sucesivas revisións e limpezas que fixemos durante a primeira metade deste ano.

Como habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non fai falla que leves ferramentas, pero mira de proverte de protección solar e dalgunha peza con que cubri-la cabeza, pois será un día moi soleado. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres participar na conservación da biodiversidade desta praia, apúntate a esta xornada de voluntariado enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarte cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 18 de xuño de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Obxectivo cumprido. Malia a intensa calor, os 12 voluntarios que participaron na xornada recolleron sistematicamente todo o lixo dende o extremo norte da praia até o regato, cun volume total de aproximadamente 2 m3. En canto ás invasoras, soamente atoparon un plumacho pequeno nesa zona e arrincaron dous máis de maior tamaño nas proximidades da ponte. Nada de uña de gato, nin de santalina de auga nin de mióporo. Pola contra, arrincaron moitos ásteres e moitos eixeróns, pero como todos eran exemplares novos o volume non chegou a 1 m3. Haberá que continuar vixiando a reaparición destas especies e queda para outra ocasión elimina-los exemplares que quedaron ó sur do regato e nos aparcadoiros.

Foto dos voluntarios


Voluntarios en Chelo

14 Maio 2017

 
Esta mañá catro voluntarios achegáronse ó lugar de Chelo (Coirós) co propósito de terminar de erradica-la crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) e a tradescantia (Tradescantia fluminensis).

Foto dos voluntariosFragas do Mandeo ven traballando dende o ano 2014 na erradicación das especies exóticas invasoras no río Mandeo. No tramo entre a pontella de Chelo e a ponte de Teixeiro, ademais das dúas anteriores, ten eliminado o ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium), a acacia negra (Acacia melanoxylon), o plumacho (Cortaderia selloana), o xunco Cyperus eragrostis, a budleia (Buddleja davidii) e a hortensia (Hydrangea sp.).

Ó longo de todo o ano facemos visitas periódicas para eliminar rebrotes. Unha proba de que estamos preto da erradicación total é que nestes últimos tres anos temos desenterrado 376 quilos de tubérculos de crocosmia (o que equivale a 172.490 tubérculos); este ano, o peso dos tubérculos recollidos non alcanzou un quilo, malia que o traballo foi máis meticuloso.

Como sempre, os voluntarios retiraron os refugallos que atoparon na zona de traballo. Este ano, Fragas do Mandeo ampliou a limpeza de lixo até a pontella de Cal dos Arados (un total de 6 km de río).

Se queres sumarte a estes voluntarios para ser parte activa das accións de conservación na bisbarra de As Mariñas, ponte en contacto connosco (na sección Contacto atoparás tódolos detalles).


Campo internacional de traballo 2017

10 Maio 2017

 
Xa está aberto o prazo para inscribirse no campo internacional de traballo que vai desenvolverse este verán en Chelo, ó pé do monte da Espenuca.

Foto dun voluntarioEntre os días 1 e 12 de agosto quince voluntarios colaborarán connosco na eliminación de especies exóticas invasoras no entorno do río Mandeo. Como resultado de tres anos de traballo, practicamente temos erradicadas as plantas invasoras en ambas marxes do río ó longo do tramo entre a pontella de Chelo e a ponte de Teixeiro. Desafortunadamente, hai varios focos de crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) e de tradescantia (Tradescantia fluminensis) no rego das Bouzas, que desemboca no Mandeo a carón da pontella de Chelo. As enchentes poden arrastrar propágulos que logren prender nalgún punto do río onde as temos erradicado. Por este motivo é tan importante a cooperación dos voluntarios desta segunda edición do campo internacional.

Os traballos a realizar consistirán principalmente en desenterrar pacientemente os tubérculos das crocosmias, mirando de non deixar ningún. No caso da tradescantia basta con arrincar os seus fráxiles talos sen deixar atrás ningún cacho, pois calquera fragmento pode prender. Pero non todo será traballar, pois o programa contempla actividades culturais e turísticas que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra. Nel poden participar persoas de entre 18 e 30 anos, téndose reservado algunhas prazas para aquelas procedentes do estranxeiro e doutras comunidades autónomas.

Os campos de traballo son unha ferramenta de educación non formal que abrangue experiencias de participación e de voluntariado. Con eles promóvese a implicación da xuventude na sociedade, facilitan os intercambios entre territorios e buscan fomenta-los valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión correrá a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, contando con Jesús Díaz como director.

Para obter máis información e inscribirse, consulta a ficha do campo de traballo Monte da Espenuca 2017.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).