Fragas do Mandeo é unha entidade orientada a obxectivos. Demostrouno de novo a pasada fin de semana. Tiñamos como meta rematar de limpa-lo tramo da marisma de Betanzos entre a punta da Ostreira e o embarcadoiro do pazo de Mariñán, pois o ano pasado non deu tempo de recoller tódolos pneumáticos que alí ciscaron ilegalmente, nin todo o lixo que acumularon as mareas durante décadas. Desta vez lográmolo, resultando na retirada de máis de 8 metros cúbicos de refugallos e de 24 rodas (22 de camión, 1 de tractor e 1 de coche). Hai que agradecerllo ós 28 voluntarios que participaron e ás lanchas Riandola e Halcón. Poden verse fotos en Voluntariado Mandeo.
No río Mandeo, a carón da minicentral do Zarzo, os dez voluntarios participantes estiveron eliminando a tradescantia (Tradescantia fluminensis) na zona máis próxima ó río, evitando así o risco de que avance augas abaixo. Quedan un par de xornadas máis para rematar con este foco.
A Semana de Custodia continúa esta fin de semana. Sada acollerá o próximo sábado a xornada de charlas sobre a biodiversidade local e o domingo está programada a limpeza do río Lambre.
¡Aínda estás a tempo de apuntarte!
Máis información sobre o programa e a maneira de inscribirse en Programa da VII Semana de Custodia.