Esta mañá acudimos á casa consistorial de Oza dos Ríos para dar unha charla no Obradoiro de Emprego Activa III Oza-Cesuras-Coirós, invitados pola súa directora, Marian Rodríguez.
A edición deste ano está centrada en forma-los asistentes en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes, polo que o mestre especialista forestal do curso, Miguel Ángel Franco López, propuxo a incorporación desta charla no programa formativo. Os dez alumnos escoitaron con atención a exposición do noso punto de vista, no que a xestión do monte debe contemplar, paralelamente á súa explotación económica, a conservación da súa biodiversidade.
Incidimos especialmente nas técnicas de eliminación de eucaliptos nas zonas de monte que deben destinarse a bosque autóctono e na erradicación de especies exóticas invasoras. Igualmente comentamos a necesidade de considera-la conservación da natureza como unha fonte de riqueza e de emprego, malia que na nosa bisbarra aínda non se teña explorado esta posibilidade do mesmo xeito que teñen feito noutras comunidades e países.