A última vez que estivemos traballando na reserva do Ollo da Roda localizamos un foco de tradescantia. Medraba nun lugar lamacento, onde era difícil arrincala, e ameazaba con expandirse por toda a zona húmida. Agora, tras a seca do verán, o terreo está seco. Por ese motivo hoxe achegámonos 15 voluntarios para erradicala antes de que as choivas outonais volvan a encharca-lo lugar.
Entre que ameazaba con poñerse a orballar en calquera momento e que había persoas que tiñan que marcharse pronto, os voluntarios traballaron arreo, conseguindo rematar co foco. Os resultados falan por si mesmos: foron retirados 419 kg de biomasa. Como o obxectivo era liquidar a tradescantia, non se dedicou tempo a recoller refugallos, pero aínda así o lixo pesou 42 kg, no que se incluía unha batería.
O bosque aluvial do Ollo da Roda conforma un hábitat prioritario onde prosperan os anfibios e medra unha flora especializada. Por ese motivo resulta especialmente importante evitar que sexa colonizada por especies exóticas invasoras.