Traballos no observatorio de Sobrado

20 Setembro 2019

 
Un par de voluntarios visitaron varias veces a lagoa de Sobrado nos últimos meses. Alí custodiamos dúas parcelas que nos doou a Sociedade Galega de Historia Natural. Nunha delas está o observatorio ornitolóxico, polo que periodicamente temos que facerlle traballos de mantemento.

Como este inverno parte da cuberta de cobre apareceu arrincada, tivemos que instalar un par de vigas novas e repoñer toda a cuberta con pranchas de aceiro de cor verde. De paso que fixemos ese traballo, limpamos os refuxios de morcegos e as caixas niño integradas na construción, pois estaban atacadas do musgo que nelas introduciron os ferreiriños que alí aniñaron nos últimos anos. Tamén amañamos algunhas deterioracións nas fiestras, repuxémo-los enganches que permiten mantelas abertas e lavámolas, fregámo-lo interior do observatorio e incluso desmontámo-lo panel sobre a vexetación da lagoa para poder limpalo. Tamén eliminamos con alcohol unha pintada no metacrilato que protexe un dos paneis informativos interiores. Máis traballo deron as pintadas nas paredes, pois houbo que cepillar e lixa-la madeira. Dado o nivel de incivismo, non durarán moito sen que volvan a estar esborranchadas.

Por último instalamos de novo o vello cartel que alí colocou a SGHN hai máis de dúas décadas. No seu día retirámolo, para que unha voluntaria puidera restauralo na súa casa, lixándoo, vernizándoo e pintando as letras con paciencia. Houbo que poñerlle postes novos, pois os orixinais estaban totalmente podres. Agora loce como no primeiro día, lembrando unha iniciativa de custodia que foi pioneira no noso país.

Por último, tal como facemos sempre que podemos, recollémo-lo lixo nas parcelas que custodiamos, no aparcadoiro, en toda a contorna transitable da lagoa e no tramo de camiño xacobeo que pasa a carón dela.

Foron moitas horas de traballo, pero pagou a pena.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).