Hoxe participamos na segunda reunión do Grupo de Traballo de Loita contra o Plumacho organizada por SEO/Birdlife nas instalacións do CEIDA en Santa Cruz (Oleiros).
Esta reunión encádrase no proxecto Life Stop Cortaderia, que ten por obxecto poñer en común as técnicas, estratexias e modelos de xestión empregados na erradicación dos plumachos (Cortaderia selloana) nas comunidades autónomas da costa cantábrica e do norte de Portugal.
Na nosa intervención explicamos o papel que está a xogar unha entidade de custodia do territorio coma a nosa na erradicación desta especie exótica invasora. Nela describimos como hai nove anos trazámonos unha liña de traballo para a recuperación de hábitats, na que eliminamos todo tipo de flora exótica ―incluídos os plumachos― mantendo a constancia e a continuidade das actuacións no tempo, dentro dun contexto no que aínda non se asume este grave problema.
Posteriormente amosamos un balance dos nosos resultados e describimos as dificultades que haberá que atenuar se queremos que as entidades ambientalistas sexamos máis eficaces na loita contra as invasoras. Para finalizar, explicamos a nosa estratexia, as tácticas aplicadas e as técnicas desenvolvidas en base á experiencia adquirida en numerosas xornadas de traballo, coa esperanza de que foran de utilidade para o público.