Revisión da praia Grande de Miño

27 Xullo 2020

 
O pasado venres e hoxe luns estivemos revisando as especies exóticas invasoras na praia Grande de Miño e na sección norte da súa marisma, como continuación dos traballos iniciados no ano 2015. Os resultados foron moi satisfactorios, pois das once especies que temos eliminado durante todo este tempo, nuns casos atopamos poucos exemplares e noutros ningún. Finalmente a biomasa retirada pesou 88,5 kg.

A especie máis frecuente foi o eixerón (61 kg), pero tamén eliminamos vinca, áster americano e xunca olorosa, xa en menor cantidade. No caso da crocosmia arrincamos 17 tubérculos dun foco que rebrotara, ós que sumamos os 1.071 tubérculos de dous novos focos que non detectáramos en ocasións anteriores. Os plumachos non reapareceron no sistema dunar, pero na marisma eliminamos dous exemplares do ano e outros dous pequenos rebrotes; aparte, localizamos unha macolla grande no extremo leste da ponte, da que retiramos os tallos florais á espera da ocasión de arrincala de raíz. Por último, temos que citar unha especie exótica nova erradicada: un pequeno palmito de California.

Con todo, aínda queda traballo nesta praia. Por unha banda, deberían eliminarse varias árbores exóticas con comportamento invasor (robinias, acacias negras e álamos brancos), e por outra algunhas plantas invasoras que aínda non temos abordado, entre as que podemos destaca-la grama americana.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).