Voluntariado na praia da Alameda o día 19

16 Xullo 2020

 
Rematadas as faenas pendentes na Reserva de Anfibios do Catorce, a próxima xornada de voluntariado ambiental será este domingo día 19 na praia da Alameda (Miño).

Foto dos voluntariosO obxectivo nesta ocasión é erradicar un foco de tradescantia que localizamos na zona húmida. Agora estamos no tempo axeitado para esta labor, pois non ten auga. Ademais de ser doado arrincar esta planta de orixe americana, traballaremos comodamente á sombra do arborado.

Para evita-los riscos de contaxio limitarémo-las prazas a un número reducido. Tódolos participantes deberán leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas (mellor as de goma, pois as de coiro non son axeitadas para este traballo).

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, aínda que por seguridade non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla levar ferramentas, pero poden ser útiles uns protectores para os xeonllos. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudarnos a manter esta praia libre de invasoras, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Foto dos voluntariosPunto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 19 de xullo de 2020.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.

Post data: Logrado. As doce persoas que participaron nesta xornada de voluntariado ambiental foron quen de elimina-lo foco de tradescantia que ameazaba a zona húmida da praia da Alameda. Ademais de retirar 189,5 kg de biomasa desta planta, recolleron 12,5 kg de lixo na zona de traballo. Tal como sucede habitualmente coas invasoras, de momento non podemos considerar que teñamos erradicado definitivamente este foco, pero controlaremos a súa reaparición até poder dalo por feito.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).