Esta mañá recibimos a un grupo de once estudantes para realizar unha visita guiada por A Espenuca e a Reserva de Anfibios do Catorce.
Estes alumnos do centro integrado de formación profesional CIFP Santiago en San Paio do Monte están cursando o ciclo formativo de Xestión forestal e do medio natural. Acompañados de D. Antón Bouzas, profesor da asignatura Control e protección do medio natural, querían coñece-los traballos de rexeneración de hábitats que estamos desenvolvendo.
Na Espenuca constataron os avances na restauración da fraga partindo do eucaliptal que existía na súa aba leste. Logo desprazámonos á reserva, onde puideron ver outra actuación na que se combina a conservación de charcas para favorece-los anfibios na zona inferior coa recuperación da vexetación autóctona na súa zona superior.
Tamén nos acompañou D. Luís Leclere, presidente da asociación cultural compostelá Colectivo A Rula, interesado polas nosas actuacións na conservación do patrimonio natural mediante a custodia do territorio. Os patrimonios cultural e natural do noso país están moi imbricados, polo que as experiencias nun eido poden ser moi útiles no outro e incluso moitas actuacións abranguen as dúas compoñentes.
Esperamos que a súa visita lles teña sido útil, coa esperanza de que inspire o futuro profesional destes estudantes.