Esta mañá participamos no ciclo Mesas de experiencias de voluntariado invitados pola Asociación Amabul. Aínda que celebrada en Vedra, dada a situación sanitaria finalmente disertamos a través dunha videoconferencia que serviu de peche do programa.
Por petición dos organizadores, a nosa intervención estivo centrada no traballo que realizamos mediante voluntariado na eliminación de especies exóticas invasoras e concretamente no caso da tradescantia.
Tras un prólogo no que presentamos a nosa entidade, pasamos primeiro a caracteriza-lo perfil do voluntariado que colabora connosco, para continuar explicando dende un punto de vista práctico as estratexias aconsellables cando se aborda a eliminación de invasoras e nos métodos aplicables á tradescantia. Finalmente incidimos en que a nosa forma de fidelizar ás persoas que fan traballo voluntario é amosando rigor nas nosas actuacións, expresado na orientación a obxectivos, na coherencia e continuidade no tempo das accións de erradicación, e tratando de organizar o mellor posible as xornadas de voluntariado.