Oitavo voluntariado na praia da Abeleira

22 Setembro 2020

 
O pasado venres pola tarde e o sábado pola mañá, acompañamos ós voluntarios convocados polo Grupo Naturalista Hábitat que se desprazaron á praia da Abeleira (Paderne) para colaborar connosco na conservación do estuario do río Lambre. O obxectivo principal era continuar coa eliminación da tradescantia, especie exótica invasora que forma un extenso foco situado no borde entre a praia e o cantil costeiro nesta parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

Foto dos voluntariosComo medida sanitaria de precaución, os dezaseis voluntarios ―acompañados en cada xornada por senllos monitores de Hábitat e de Fragas do Mandeo― dividíronse en dous grupos para non xuntarse todos no mesmo día. Na primeira xornada centráronse en arrincar pacientemente os rebrotes nos puntos onde xa se tiña eliminada a tradescantia, pois é máis importante manter áreas libres que retirar grandes cantidades. Xa no segundo día continuamos reducindo o tamaño do foco. A biomasa retirada pesou 125,5 kg; tamén recollemos 157,5 kg de lixo.

O sábado un cativiño que estaba a bañarse na praia protagonizou unha grata anécdota. Vendo o que faciamos, decidiu de maneira espontánea pasar toda a mañá recollendo plásticos na auga e traérnolos. Sen dúbida, dar exemplo é a mellor educación ambiental.

Hoxe luns un par de voluntarios volvemos para retirar co remolque todo o recollido. De paso visitamos a praia da Alameda. Preocupábanos a reaparición do foco de carrapatón localizado o ano pasado. Efectivamente, había un nutrido grupo de plantas a punto de florecer que pesaron 4 kg. Tamén un par de plumachos nacidos este ano, varios chopos híbridos e algunhas plantas dispersas de eixerón, áster americano e xunca olorosa. En total 33 kg de biomasa e 38 kg de lixo, cifras pequenas que amosan a notable melloría do estado desta praia, froito dun traballo continuado que iniciamos hai nove anos.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).