Adquirimos outra hectárea de monte

24 Novembro 2020

 
Fotografía do título de propiedadeDe novo volvemos hoxe á notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asinar a escritura de compra dun monte de case unha hectárea.

Esta parcela de 9.265 m2 linda coa marxe dereita do río Mendo, a pouca distancia da nosa reserva do Ollo da Roda. Na metade da súa superficie medra un bosque de ribeira aberto, composto principalmente por ameneiros, pero tamén hai algún eucalipto novo polo medio que teremos que eliminar en canto poidamos. A outra metade carece de arborado, polo que imos destinala a prado de ribeira, pois é un tipo de hábitat cada vez máis escaso na nosa bisbarra.

Esta adquisición foi posible grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. As súas achegas deste ano van permitirlles deducir até un 75 % do importe doado na próxima declaración da renda. Xa queda pouco para remata-lo ano, se queres aproveitar esta vantaxe. ¡Anímate a colaborar!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).