A Escola de Tempo Libre Querqus invitounos de novo a impartir unha charla no Albergue Xuvenil de Gandarío, dentro da programación do seu curso para a obtención do título oficial de monitor de actividades de tempo libre.
Na nosa disertación de hoxe aproveitamos a ocasión para expoñer que, se queremos conservar o patrimonio natural da nosa bisbarra, é necesario actuar directamente no entorno mediante o apadriñamento de enclaves e a custodia do territorio, poñendo como exemplo as actividades desenvolvidas por Fragas do Mandeo. A continuación describimos, en base á nosa propia experiencia, a maneira de realizar xornadas de voluntariado ambiental que sexan eficaces e resulten satisfactorias para os participantes.
Rematamos a charla animando ós alumnos a que no seu futuro profesional contemplen a organización de actividades en favor da natureza coordinándose con entidades como a nosa, co obxecto de obter os mellores resultados.
Para que coñeceran in situ os resultados do noso traballo, pola tarde visitamos a Reserva de Anfibios do Catorce e unha parcela no monte da Espenuca, de maneira que puideran comprobar os avances que temos acadado na restauración dos hábitats naturais da nosa bisbarra.

Os froitos deste traballo empezan a verse. As máis de cincocentas plantas en maceta teñen un aspecto magnífico. Pola súa banda, xa empezaron a xerminar algunhas das máis de dez mil sementes botadas nas bandexas. De ter éxito, entre o transplantado, o reproducido por estacaxe e o sementado, esperamos contar con dezaseis especies de árbores: carballo, pradairo, cerdeira brava, freixo, freixa, bidueiro, abeleira, salgueiro, loureiro, acivro, érbedo, sabugueiro, pereira brava, estripo, abruñeiro e sanguiño.



















