Intensa fin de semana

8 Maio 2022

 
Onte estivemos na praia da Alameda (Miño) retirando biomasa de invasoras, para o que contamos coa axuda dun grupo de voluntariado ambiental da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, formado por 16 persoas, acompañadas por dous monitores de Ribeirán Proxectos Naturais.

Foto dos voluntariosO ano pasado iniciámo-la eliminación dos álamos brancos que invadían a zona húmida da trasduna, mediante un descortizado na base do tronco no período máis seco do ano, tediosa tarefa que supuxo un esforzo equivalente a 11,6 xornadas de traballo de 8 horas. Tras esperar varios meses a que secaran, xa tiña chegado a hora de retirar toda a súa biomasa; así pois o venres fomos cortalos.

Onte, axudados por estes voluntarios, enchemos até os topes un contedor de 12 m3 coa leña de máis de 267 árbores (sen contar os máis pequenos, pois xa se confundían coas pólas cortadas). Aínda así queda traballo pendente, polo que na próxima ocasión teremos que contratar un contedor máis grande.

Foto dos voluntariosHoxe fomos ó monte da Espenuca (Coirós), onde o grupo de voluntariado sumouse á xornada programada para este día co obxectivo de recoller lixo, polo que en total participamos 21 persoas. E aínda poderiamos engadir outra máis, pois o condutor do microbús contratado tamén botou unha man.

Enfrontabámonos cunha tarefa difícil, pois os refugallos a retirar eran pesados, estaban nunha zona que ten unha pendente do 76 % e había que arrastralos até o cumio, situado a 100 metros de distancia. O máis problemático era subir pola ladeira os restos dun vehículo alí ciscado, pois na anterior limpeza foinos imposible retira-lo motor, o eixo dianteiro e as súas dúas rodas. Desta vez lográmo-lo, pois días antes despezámolos, aínda que costou o seu subi-lo motor. Tras pesar todo o recollido na báscula, sumamos un total de 309,95 kg.

Esperamos que, ademais do cansazo, estes voluntarios lembren os esforzos desta fin de semana co orgullo de saber que actuaron en favor da natureza dunha forma realmente eficaz e do moito que pode lograrse cando se traballa en equipo.

Foto dos voluntarios

 
Foto da portadaPost data: O xestor de residuos informounos de que, na praia da Alameda, a biomasa coa que enchemos o contedor pesou 880 kg.

Por outra banda, a actuación na Espenuca foi noticia central da portada do xornal La Opinión Coruña do día 12 de maio. Na edición do día seguinte tamén publicaron unha alusiva viñeta do humorista gráfico Santy Gutiérrez.

Esperemos que esta difusión motive a máis persoas a comprometerse coa natureza, participando nas nosas xornadas de voluntariado ou con calquera outra entidade que traballe con eficacia para mellorar o estado dos nosos espazos naturais.

A natureza precisa de axuda; canta máis, mellor.

Viñeta


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).