Sexta edición do campo de traballo

18 Agosto 2022

 
Hoxe estivemos no pavillón de deportes de Coirós (A Coruña) dándolle a benvida ós integrantes da sexta edición do Campo de Traballo Monte da Espenuca. De novo volve a ter carácter internacional, pois entre os participantes hai persoas procedentes de Turquía e de Italia. A súa labor en favor do noso patrimonio natural vai desenvolverse até o día 28 de agosto.

Fotografía do voluntariadoNa charla de presentación explicamos os problemas ambientais da bisbarra e a nosa forma de abordalos. Un capítulo no que nos demoramos foi o referido ós nosos esforzos na erradicación de especies exóticas invasoras, pois o principal obxectivo do campo será eliminar tradescantia (Tradescantia fluminensis). Deste xeito van darlle continuidade ás catro edicións anteriores, centradas en acabar con esta planta exótica no rego das Bouzas, o pequeno afluente do Mandeo que desemboca a carón da pontella de Chelo. Finalizada a charla, achegámonos á Reserva de Anfibios do Catorce, onde puideron coñecer unha mostra do noso traballo para preserva-la biodiversidade local.

Fotografía do voluntariadoNesta edición participan nove persoas (dúas galegas, catro doutras tantas comunidades autónomas e tres estranxeiras), con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Será un punto de encontro de mozas e mozos ―elas son maioría― de moi distinta orixe, onde convivirán e se implicarán na sociedade local, nun entorno no que van fomentarse os valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo. Ademais das actuacións de restauración ambiental, o programa contempla actividades complementarias que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra, visitando espazos naturais e vilas monumentais próximas.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión correrá a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, que acompañará en todo momento ó voluntariado cun director e dous monitores de apoio.


Renovando ímpeto no noso XII aniversario

6 Xullo 2022

 
En xornadas coma esta, na que celebrámo-lo noso aniversario, miramos cara atrás para valorar xustamente o que temos feito, pero tamén cara ó futuro, para comprobar que seguimos fielmente o rumbo que establecemos hai máis dunha década. ¿Cales son as nosas arelas máis inmediatas? Recupera-lo ritmo de actividade que tiñamos antes da pandemia e, a ser posible, incluso incrementalo.

Para logralo, hai uns meses iniciamos unha exitosa campaña de crowdfunding que remata hoxe. O seu obxectivo é o de dotarnos dunha embarcación para poder recoller lixo e eliminar invasoras na marisma da ría de Betanzos de xeito sistemático. Xa está mercada a lancha, o motor eléctrico, o remolque e o equipamento de seguridade; tamén está sacada a licencia de navegación. Agora soamente estamos pendentes de recibi-lo motor do fabricante alemá, para poder botala á auga e presentar publicamente o proxecto.

No que levamos de ano xa retiramos 3,8 toneladas de biomasa de invasoras e 1,4 toneladas de lixo. Coas últimas parcelas adquiridas, a superficie que custodiamos roza as 30 hectáreas, cifra que trataremos de superar proximamente.

Todo isto está sendo posible fundamentalmente grazas ás persoas que nos apoian. A meirande parte do traballo faino o voluntariado, pois soamente de maneira ocasional temos contratado profesionais forestais. Tamén grazas ás doazóns de particulares e asociacións, que son o principal sector que da soporte económico á nosa entidade, dado que as axudas da Administración unicamente acadaron o 29 % dos nosos ingresos e as colaboracións de empresas sempre foron limitadas.

Se queres acompañarnos no reto de conservar e mellorar o patrimonio natural da nosa bisbarra, non dubides en participar nas nosas xornadas de voluntariado ou de facer unha modesta doazón. Porque moitas mans xuntas, logran grandes obxectivos.


Mercamos media hectárea no entorno de Chelo

23 Xuño 2022

 
Fotografía do título de propiedadeSe o mes pasado retomámo-las compras de montes de interese ambiental para amplia-la superficie custodiada, hoxe fixémo-la segunda adquisición deste ano.

Esta mañá estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra de varias parcelas situadas nas proximidades do lugar de Chelo (Coirós). Suman 5.011 m2 de superficie, algunha delas linda co río Mandeo e presentan un estado de conservación variable, dende as que teñen arborado autóctono até outras nas que hai que elimina-los eucaliptos.

De novo temos que destacar que esta adquisición foi posible grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Por outra banda, esperamos poder seguir mercando parcelas para así adquirir os dereitos que precisamos para poder restaura-las fragas da nosa bisbarra.


De volta á reserva do Catorce

20 Xuño 2022

 
Pouco avanzamos na eliminación da xunca olorosa na Reserva de Anfibios do Catorce a pasada fin de semana. Aínda que un voluntario achegouse o sábado para adiantar traballo, o domingo unha choiva intensa e persistente non prevista nos prognósticos meteorolóxicos obrigounos a retirarnos a media mañá sen completa-la tarefa programada.

Por ese motivo, aproveitando que o venres é festivo, para esta fin de semana convocamos dúas xornadas de voluntariado, co obxectivo de rematar o arrincado desta especie exótica invasora antes de que as súas flores maduren e esparexan as sementes.

Se queres botar unha man, podes apuntarte a calquera das dúas xornadas, ou incluso ás dúas, enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Venres 24 e domingo 26 de xuño de 2022.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Finalmente o tempo colaborou, pois soamente nos interrompeu un pequeno chuvasco o domingo, permitíndonos así rematar de arrincar toda a xunca olorosa, ademais dalgún eixerón e algún áster americano que atopamos. Tras pesar toda a biomasa retirada, a suma resultou en 369,80 kg. Esta cifra é significativamente inferior á do ano pasado, o que nos indica que estamos avanzando na completa erradicación da xunca olorosa, a especie exótica invasora da reserva que máis traballo nos ten dado.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Xornada contra as invasoras na reserva do Catorce

12 Xuño 2022

 
A xunca olorosa é unha especie exótica invasora de orixe americana que aínda está presente na Reserva de Anfibios do Catorce. Témo-la arrincado en varias ocasións, pero hai que ter paciencia e constancia para lograr erradicala, pois reaparece con facilidade grazas ás moitas sementes que bota.

Os exemplares que naceron esta primavera están empezando a florecer. Por este motivo, para o próximo domingo día 19 temos programada unha xornada de voluntariado ambiental co obxectivo de arrincar tódolos que atopemos.

De novo o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas (mellor as de pintor ou de xardineiro que as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto, pois o solo aínda está algo húmido. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudar a conservar esta reserva, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 19 de xuño de 2022.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Praia da Alameda: rematada a segunda fase

6 Xuño 2022

 
Foto dos voluntariosHoxe completámo-la segunda fase da eliminación do arborado alóctono invasor na praia da Alameda.

Tiñamos planificada para antonte unha xornada de voluntariado corporativo, coa fin de retirar parte da biomasa das árbores eliminadas, pero determinados imprevistos obrigaron a cancelala. Consecuentemente, as quince persoas que participaron na xornada complementaria que programamos para onte, malia que traballaron intensamente, non deron acabado de retirala. Por ese motivo, esta mañá achegáronse catro voluntarios e remataron a tarefa, logrando encher até os topes o contedor contratado. As cifras falan por si mesmas: 30 metros cúbicos de biomasa correspondente a máis de 675 árbores.

Sumando estes resultados ós obtidos na xornada de maio, resulta en máis dun milleiro de árbores eliminadas na trasduna da praia da Alameda. Foto do contedorA súa biomasa ocupou un total de 42 metros cúbicos e pesou máis de tres toneladas, malia estar totalmente seca.

Pero non podemos dar por erradicado este arborado invasor. Agora empeza a terceira fase: o control dos rebrotes. Pero esta xa é unha labor que require máis paciencia que forza.

A conservación da natureza precisa de financiamento. Por ese motivo expresamos o noso agradecemento a CaixaBank, que nesta ocasión fíxose cargo dos gastos do contedor, e ó Grupo Naturalista Hábitat, polo usado o mes pasado. E tamén, coma sempre, ós participantes nestas xornadas de voluntariado. O seu traballo quedou recollido nun ameno vídeo.
Foto dos voluntarios


Voluntariado no Día do Medio Ambiente

28 Maio 2022

 
Para o domingo 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, temos programada unha xornada de voluntariado para retirar biomasa de especies invasoras na praia da Alameda (Miño).

A primeiros deste mes, un grupo composto por 19 persoas enchemos até os topes un contedor de 12 m3 coa leña dunha árbore alóctona na nosa bisbarra, o álamo branco, que inzaba na zona húmida da súa trasduna. Como non demos rematado, para esta ocasión contratamos un contedor con maior capacidade. O traballo vai ser doado pois as árbores xa están secas e cortadas, pero levará o seu tempo polo gran número de exemplares.

Para avanzar neste traballo, o día anterior un grupo de voluntariado corporativo convocado por CaixaBank vai botarnos unha man cargando no contedor todo o que poidan.

Non fai falla preocuparse polas ferramentas, pero é recomendable levar unhas luvas de coiro, ademais de calzado e vestimenta axeitados para traballar. Non hai que esquecer algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres apuntarte, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Sumando esforzos podemos mellorar significativamente o estado de conservación dos nosos espazos naturais. ¡Anímate a participar!

Punto de encontro: Praia da Alameda (Miño).
Data: Domingo, 5 de xuño de 2022.
Hora: Empezaremos ás 9:30 e remataremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Charla a futuros monitores

22 Maio 2022

 
Esta mañá estivemos no Albergue Xuvenil de Gandarío impartindo unha charla no curso para a obtención do título oficial de monitor de actividades de tempo libre, que ten organizado a Escola de Tempo Libre Fervenza por encargo do Concello de Bergondo.

Aproveitamos esta disertación para expoñerlles ós 22 alumnos que, se queremos conserva-lo patrimonio natural da nosa bisbarra, é preciso actuar directamente no propio entorno mediante o apadriñamento de enclaves e a custodia do territorio, poñendo como exemplo as nosas campañas. A continuación describimos, en base á nosa propia experiencia, a maneira de realizar xornadas de voluntariado ambiental que sexan eficaces e resulten satisfactorias para os participantes.

Rematámo-la nosa intervención animando ós alumnos a que no seu futuro profesional contemplen a programación de actividades en favor da natureza coordinándose con entidades como a nosa, co obxecto de obter os mellores resultados.

Lamentablemente, un imprevisto impediu que pola tarde visitáramos a Reserva de Anfibios do Catorce para que coñeceran in situ un exemplo dos avances que temos acadado na restauración dos hábitats naturais da nosa bisbarra.

Foto dos alumnos


Retomámo-la compra de parcelas

20 Maio 2022

 
Fotografía do título de propiedadeTras a pausa que impuxo a pandemia, este ano retomámo-las negociacións para a compra de parcelas de monte de interese ambiental. De feito, hoxe fomos á notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra de 2.570 m2 de superficie.

Corresponden a varias parcelas situadas na Espenuca e Caresma. Parte da superficie é bosque autóctono nun razoable estado de conservación, pero o resto precisa ser restaurado, de maneira que nos permitirá reduci-la fragmentación ecolóxica da fraga.

Esta adquisición foi posible grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. As súas achegas deste ano van permitirlles deducir até un 80 % do importe doado na próxima declaración da renda, do mesmo xeito que as do ano pasado figuran no seu borrador da presente campaña de declaración. ¡Anímate a colaborar e benefíciate das vantaxes fiscais!


Crowdfunding para coida-la nosa ría

16 Maio 2022

 
Hoxe lanzamos unha campaña de recollida de fondos que ten como finalidade chegar a ser máis eficaces na retirada de lixo e na eliminación de especies exóticas invasoras ó longo da marisma da ría de Betanzos.

Dende hai anos vimos realizando recollidas masivas de lixo nela, tendo organizado seis edicións da eco-regata, obtendo resultados salientables (en total retiramos máis de 70 metros cúbicos de lixo). Nunhas ocasións limpamos concentracións de refugallos en puntos da xunqueira facilmente accesibles dende terra firme; noutras, empregamos lanchas usadas na festa fluvial dos Caneiros para navegar por augas suficientemente profundas até onde era factible desembarcar.

Pero agora chegou o momento de limpa-lo resto das zonas. Para iso precisamos adquirir unha embarcación tipo zodiac, pero de casco ríxido para evitar cortes causados por calquera vidro roto, que poida navegar polas canles da xunqueira e permitirnos desembarcar en puntos con pouco calado, sen ter que preocuparnos da marea.

Contamos cunha axuda pública para mercala, pero non cubre o 100 % do importe. Esta campaña é para xuntar o que falta até a totalidade do prezo da embaración, do motor, dos aparellos necesarios e do remolque. Soamente imos mercala se a campaña financia todo o que falta, pois non imos toca-los cartos destinados a adquirir parcelas que recibimos dos nosos doadores.

No vídeo da campaña explicamos con todo detalle a necesidade desta adquisición. Podes ve-los avances deste crowdfunding e ―no caso de que te animes― facer unha achega a través da plataforma Migranodearena. Por certo, lembra que emiten un certificado para deducir na declaración da renda de até o 80 % do que does.

Con pequenas axudas de moitos, podemos facer grandes cousas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).