Hoxe estivemos no pavillón de deportes de Coirós (A Coruña) dándolle a benvida ós integrantes da sétima edición do Campo de Traballo Monte da Espenuca. De novo volve a ter carácter internacional, pois entre os participantes hai persoas procedentes de Francia, México e Xapón. A súa labor en favor do noso patrimonio natural vai desenvolverse até o día 28 de agosto.
Na charla de presentación explicamos os problemas ambientais da bisbarra e a nosa forma de abordalos. Un capítulo no que nos demoramos foi o referido ós nosos esforzos na erradicación de especies exóticas invasoras, pois o principal obxectivo do campo será elimina-la tradescantia (Tradescantia fluminensis). Deste xeito van darlle continuidade ás cinco edicións anteriores, centradas en acabar con esta planta exótica no rego das Bouzas, o pequeno afluente do Mandeo que desemboca a carón da pontella de Chelo. Finalizada a charla, achegámonos á Reserva de Anfibios do Catorce e ó monte da Espenuca, onde puideron coñecer directamente parte do noso traballo para preserva-la biodiversidade local.
Nesta edición participan catorce persoas (catro de procedencia galega, sete doutras comunidades autónomas e tres estranxeiras), con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos. Será un punto de encontro de mozas e mozos de moi distinta orixe, onde convivirán e se implicarán na sociedade local, nun entorno no que van fomentarse os valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo. Ademais das actuacións de restauración ambiental, o programa contempla actividades complementarias que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra, visitando espazos naturais e vilas monumentais próximas.
Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión corre a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, que acompañará en todo momento ó voluntariado cun director e dous monitores de apoio.

Post data: O domingo día 27 despedímonos dos voluntarios do campo de traballo, agradecéndolles que viñeran de tan lonxe a botar unha man na conservación do noso patrimonio natural e animándolles a que participen, sempre que poidan, en xornadas de voluntariado ambiental nos seus lugares de orixe. Lograron retirar 834 kg de biomasa de tradescantia, 54 tubérculos de crocosmia e 20,85 kg de lixo. Sumando estas cifras ós resultados de actuacións anteriores, resulta que dende o ano 2017 no rego das Bouzas sacáronse 5.140,63 kg de tradescantia, 2.543 tubérculos de crocosmia e 720,15 kg de lixo.
A Deputación da Coruña acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia os listados provisionais de entidades sen ánimo de lucro que van beneficiarse este ano do seu programa de axudas, tanto para o desenvolvemento de 
Este areal está situado na ribeira esquerda da desembocadura do río Lambre, formando parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, integrado na Rede Natura. Xa temos actuado anteriormente neste lugar, pero aínda aparecen algúns exemplares de
Esta tarde estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra dunha parcela situada nas inmediacións da nosa Reserva do Ollo da Roda, no termo municipal de Oza-Cesuras. 
















