Aínda que os prognósticos meteorolóxicos para o día da eco-regata anunciaban choiva, tivemos unha tarde espléndida para navegar. Na partida houbo problemas coas ramplas, como sempre cheas de esteiro, nesta ocasión agravados pola extrema baixamar, co risco de que esvararan as persoas e que patinara o vehículo que transportaba a nosa lancha. Do mesmo xeito que no ano pasado, a marea viva limitou o tempo que puidemos pasar no xuncal, permitindo recoller soamente os refugallos lixeiros (principalmente plásticos e envases), quedando inaccesible no fondo das canles o lixo máis pesado. Participaron catro embarcacións (Arguindei, Sin Frenos, Mucane e Fragas do Mandeo) e 28 persoas, entre as que podemos destaca-las rapazas e rapaces do club de remo do Pedrido. Tamén sumáronse espontaneamente algúns clientes da empresa náutica Píntega Kaiak; coincidiron connosco no porto e de volta da súa travesía traían nos kaiaks o que foron atopando. Na arribada, atopámonos coa ausencia do contedor de obra comprometido polo concello, dispoñendo dun único contedor de lixo en todo o porto. Afortunadamente, a Sin Frenos trouxo un contedor que atopou abandonado na canle de Sarra. O pouco lixo recollido pesou un total de 232,50 kg, cifra claramente inferior ós anos anteriores, sen dúbida unha demostración de que o noso traballo de limpeza continuado ó longo destes 9 anos está dando froitos. Como premio polo esforzo realizado, no final da xornada tivemos unha cea de convivencia, grazas á xenerosidade de Lar de Unta e de Roxín Roxal.
O debate emitido telemáticamente en directo o pasado xoves, xa pode verse en diferido na sesión do debate en Youtube. Os dous participantes ―lamentablemente o terceiro invitado non puido asistir por un imprevisto familiar― demostraron que tiñan analizado en detalle o novo regulamento de restauración da natureza da Unión Europea. Grazas á gran experiencia na conservación e defensa do patrimonio natural galego de Serafín González e de Martiño Cabana, puidemos coñecer tódalas súas implicacións, xa contextualizadas no noso país. Non puideron tocarse todos e cada un dos temas que abrangue esta normativa, que entrou en vigor hai un mes, pero aqueles que son fundamentais foron tratados mediante un diálogo moi dinámico, nunha charla que se alongou máis do previsto a causa da mágoa de dar por finalizada tan interesante conversa. A asociación Roxín Roxal amosou de novo a hospitalidade e cualificación do seu equipo técnico.
A xornada sobre as rapaces nocturnas resultou moi amena. Tras unha breve visita á nosa Reserva de Anfibios do Catorce para coñece-lo hábitat onde recollémo-las egagrópilas, desprazámonos ó local da asociación Fillos de Ois. Alí o Dr. Álvaro Rodríguez Pomares falounos das especies de mouchos e curuxas presentes no noso país, cinco delas residentes todo o ano e outras dúas que son migratorias (unha que ven criar e outra que ven pasa-lo inverno), parándose nas tres que son máis habituais na nosa bisbarra (curuxa, avelaiona e moucho). Logo o Dr. Augusto de Castro deu inicio ó taller de egagrópilas, no que puidemos aprender a analizalas e saber o que comeu a parella de curuxas da reserva, grazas ás claves de identificación que elaborou expresamente para nós. Pero tamén para coñecer cales son as 9 especies de micromamíferos (ratos, cortas e insectívoros) presentes na contorna. Hai que salientar a frecuencia dos insectívoros (furaños e furafollas) na súa alimentación; isto indica a abundancia de insectos, motivo polo que é razoable pensar que a nosa reserva se mantén en bo estado ecolóxico, a lo menos no que respecta a estes invertebrados. Por último, animamos ós asistentes a facer caixas-niño para curuxas, dándolles instrucións e un esquema de construción, por se teñen propiedades onde instalalas. Como remate, podemos dicir que os 17 participantes gozaron dunha xornada moi singular, voando as tres horas de duración con moita rapidez; incluso para os cativos, marabillados ó mirar coas lupas os pequeniños osos das presas.
Na limpeza dos ríos tamén tivemos un tempo excelente. Aproveitando que participaban 20 persoas (todas mulleres, excepto unha cativa e 6 homes), dividímonos en dous equipos. O máis pequeno, formado por catro persoas, foi traballar ó rego das Bouzas (afluente do Mandeo). Alí había un foco de lixo no noiro a carón dunha das pontes da estrada á Espenuca. O lugar de traballo era estreito e había risco de que moito do lixo caera na auga e o levara a corrente, polo que puxeron unha rede no leito para evitar que escapara calquera refugallo. En total recolleron 184,40 kg de lixo e 3,60 kg de Tradescantia fluminensis (o último campo de traballo retirou alí esta planta invasora, pero tiñan quedado unhas poucas plantas). O resto dos participantes fomos ó río Mendo, a rematar co vertedoiro que había ó pé da ponte da Ermida, no que xa tiñamos actuado varios anos. Logramos retirar 321,60 kg de lixo e de entullos. Xa que logo, o total foi de 506 kg de lixo e 3,6 kg de biomasa de invasoras. Co noso traballo e o doutros centos de persoas, hoxe estarán os ríos do noso país varias toneladas máis limpos.
De novo, queremos expresar o noso agradecemento a tódalas persoas e entidades que colaboraron dun xeito ou doutro a que un ano máis esta edición da Semana de Custodia teña sido un éxito.