Un ano máis, e xa superamos a década, imos celebra-la Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas. A razón de seguir realizando este evento anual non é outra que difundir entre os cidadáns a necesidade de se implicar directamente na conservación do noso patrimonio natural a través da custodia do territorio, participando como voluntarios e doadores nas actuacións de mellora dos espazos naturais da nosa bisbarra.
Titulamos o programa deste ano como Unha oportunidade para recuperar hábitats e especies. A Unión Europea por fin se decatou de que non chega coa Directiva Aves e a Directiva Hábitats, promulgadas o século pasado, para preservar o patrimonio natural. Nun contexto no que aínda non está completada a Rede Natura galega, malia que a obriga legal data do ano 1992, temos agora a oportunidade de recupera-lo tempo perdido e restaurar moitos dos hábitats deteriorados durante décadas de desleixo. Os cidadáns debemos ser parte activa deste proceso de recuperación, pois é unha tarefa que nos beneficia a todos.
Por favor, descarga o programa e o cartel da Semana para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.
Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil, concello de residencia e actividades nas que desexas participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarasnos a organización.
Eco-regata na ría de Betanzos: Iniciámo-lo programa con esta multitudinaria recollida de lixo na marisma. Nas oito edicións anteriores retiramos máis de 19 toneladas de refugallos. Sumando os resultados das nosas campañas, dende o ano 2014 levamos retiradas máis de 35 toneladas. Pero aínda así queda moito por apañar. Animamos a toda a cidadanía a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos, mentres outros voluntarios quedarán no peirao axudando a descarga-los sacos de lixo. Colaboran na organización asociacións de Betanzos (ARBE e Lar de Unta), de Bergondo (Club de Remo Olímpico do Mandeo e Asociación Ría do Pedrido) e de Paderne (Roxín Roxal). Tamén colaboran o Concello de Betanzos, Protección Civil e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha, indicando se vas embarcarte ou ben axudar no porto. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 21 de setembro, de 16:00 a 20:30 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.
O reto europeo de restaurar a natureza: A Unión Europea aprobou o pasado mes de xullo un regulamento para a restauración da natureza, que obriga ós países membros a recuperar o estado ecolóxico do 20 % dos hábitats naturais antes do ano 2030. Para coñecer as implicacións desta normativa e as oportunidades para mellorar o noso patrimonio natural, organizamos un debate con tres expertos: D. Serafín González (SGHN), D. Fins Eirexas (ADEGA) e D. Martiño Cabana (AGCT). O debate será emitido telemáticamente co obxecto de darlle maior audiencia, para o que contamos coa colaboración técnica de Roxín Roxal.
Data: Xoves 26 de setembro, de 19:30 a 21:00 horas.
Lugar: Emisión telemática en directo (tamén dispoñible posteriormente en diferido) a través de Youtube na sesión do debate.
Solpor de curuxas: Actualmente os mouchos e as curuxas xa non teñen a mala fama de tempos pasados, pero a súa vida nocturna fai que continúen sendo aves bastante descoñecidas para o público. O Dr. Álvaro Rodríguez Pomares vai explicarnos distintos aspectos das rapaces nocturnas galegas. A continuación, o Dr. Augusto de Castro amosará o xeito de estudar a súa alimentación, analizando as egagrópilas que temos recollido nun niño de curuxas situado nunha das parcelas que custodiamos en Coirós. Nesta xornada contamos coa colaboración da SGHN e de Fillos de Ois. Máis datos na folla informativa.
Data: Venres 27 de setembro, de 19:00 a 21:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.
Limpeza simultánea de ríos: Este ano é a decimo-sétima edición da limpeza simultánea dos ríos galegos, que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a undécima edición na que colaboremos. O ano pasado participamos 809 persoas e 70 entidades, logrando retirar máis de 6 toneladas de refugallos en treitos de ríos situados en 52 concellos. Este ano de novo volveremos ó río Mendo, para continuar recollendo lixo no entorno da ponte da Ermida, e tamén ó rego das Bouzas, para eliminar un pequeno vertedoiro. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 29 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.
Malia o seu valor ecolóxico, os espazos naturais galegos presentan un estado lamentable. Tal como avanza a crise climática e ambiental, a sociedade non pode demora-la súa total restauración. Hai que acometela dunha forma sistemática, con accións concretas e continuadas no tempo. Nelas debe primar a consecución de obxectivos ambientais, realizando accións caracterizadas pola eficacia e a constancia, de xeito similar ó que facemos nós ó longo de todo o ano. A Semana de Custodia é un evento consolidado, único na zona, na que ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra atopan a oportunidade de actuar nesta liña, dunha forma directa, eficaz e coordinada para a súa conservación.
Xa pasou o tempo de despreocuparnos polo noso patrimonio natural: agora temos a obriga de restauralo.
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado e apoia as actividades da SGHN.