Hoxe volvemos á notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra dunha parcela situada no lugar de Chelo.
O monte é relativamente grande, pois ten 6.689 m2 de superficie. Cando nos puxemos en contacto cos anteriores propietarios, acababan de corta-los eucaliptos que tiña, respectando os grandes carballos que alberga. Situada na beira do río Mandeo, nunha zona onde se mestura o valor ecolóxico co atractivo paisaxístico que fai de Chelo un lugar tan visitado, a restauración do bosque de ribeira resultará dobremente beneficiosa. Pronto convocaremos unha xornada de voluntariado para iniciar a súa recuperación.
Igual que en anteriores ocasións, temos que lembrar que esta adquisición foi posible grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Se compartes connosco a preocupación pola conservación das fragas do río Mandeo, consulta a sección Colabora, onde tamén poderás coñece-los beneficios fiscais de facernos unha achega.


















