A eco-regata deste ano contou cun magnífico tempo, pois nin fixo calor, nin choveu, nin molestou o vento. Iniciouse coa marea baixa, momento no que atopamos no porto o problema habitual das ramplas cubertas por unha grosa capa de esteiro, ó que se engadiu este ano que unha delas estaba indebidamente ocupada por un contedor de obra. Participaron tres embarcacións (Arguindei, Sin Frenos e Fragas do Mandeo) e 23 persoas. Debido a que xa tiñan pasado varios días dende a marea viva, non chegou a inundarse o xuncal durante a recollida, polo que puidemos apañar os refugallos con comodidade. Entre eles, apareceron voluminosos como un arcón frigorífico, un contedor doméstico de lixo e unha roda. Rematada a xornada a última hora da tarde, foi o momento de pesar: un total de 286,95 kg. Esta cifra é lixeiramente superior á do ano pasado, seguramente grazas ó maior peso dos voluminosos. Tralas grandes limpezas das primeiras eco-regatas, agora xa non se atopa tanto lixo e aparece máis disperso, requirindo máis tempo localizalo. Sumando a esta cifra o recollido noutras xornadas de voluntariado, resulta que superamos amplamente as 35 toneladas —exactamente 35.505,35 kg— de refugallos retirados na marisma da ría de Betanzos. Como remate da xornada tivemos a tradicional cea de convivencia, grazas á xenerosidade de Lar de Unta e de Roxín Roxal.
Tal como estaba previsto, o pasado xoves emitimos en directo a nosa conversa sobre o desmán ibérico co zoólogo galego-asturiano Dr. Carlos Nores. Esta especie foi declarada «en perigo crítico de extinción» o pasado mes de maio polo goberno español; seguramente a UICN tamén a catalogará do mesmo xeito na próxima revisión do seu status. Dada a súa distribución, limitada á península Ibérica, e tendo en conta que está presente en ríos da nosa bisbarra, temos unha especial responsabilidade na súa conservación. Na extensa —pero moi amena— conversa, puidemos coñece-la forma de vida deste discreto micromamífero semiacuático. Os seus estritos requirimentos de hábitat limitan os treitos dos ríos onde pode vivir e refuxiarse dos seus predadores, o que complica a súa conservación. O profesor Nores insistiu en que o mellor que podemos facer por este animaliño é difundi-la súa relevancia como especie e os problemas que está a sufrir. Por iso animamos a tódolos nosos simpatizantes a compartir entre os potenciais interesados o enlace da sesión da charla.
As últimas dúas xornadas de voluntariado estiveron caracterizadas polo mal tempo, pois iniciámolas con choiva, aínda que nos dous casos a media mañá parou de caer auga. As 15 persoas que participaron na des-eucaliptización do último monte que temos mercado afanáronse por amorear coidadosamente a ramallada que quedou trala corta dos eucaliptos que tiña. Deste xeito podrecerá rapidamente e quedará liberado máis espazo para a próxima plantación de árbores autóctonas; entre tanto as moreas servirán de refuxio a pequenos vertebrados. Mediante as explicacións previas e mailo labor realizado, os participantes coñeceron directamente o duro traballo que significa restaura-lo bosque de ribeira. Aínda hai ramallada por amorear, motivo polo que convocaremos novas xornadas.
Rematámolo programa coa participación na limpeza simultánea dos ríos galegos. Con este motivo achegámonos 13 persoas ó Lambre, río que xa limparamos anteriormente nun par de ocasións, onde percorremos un treito de máis de 3 km augas abaixo da abandonada central hidroeléctrica de Goimil. Durante a mañá non atopamos moito lixo no leito do río, pero cara ó remate da xornada apareceron vellos vertedoiros no terraplén que separa a estrada do río. Finalmente, retiramos 289,60 kg de lixo, destacando entre os voluminosos un frigorífico e un retrete coa súa cisterna; tamén aproveitamos para arrincar 4,20 kg dunha flor exótica, o amarilis, aínda que quedaron pendentes varios focos desta e doutras especies exóticas con diferente carácter invasor.
Resumindo, en total foron 51 participacións nas xornadas de voluntariado, por parte de 40 persoas distintas (varias acudiron a máis dunha xornada). A todas elas temos que agradece-lo traballo feito en favor do noso patrimonio natural e seren un exemplo de compromiso coa conservación da natureza.
Non houbo mellor forma de celebra-lo noso décimo quinto aniversario.


















