Charcas rexuvenecidas no Catorce

22 Setembro 2025

 
Boa parte do traballo que estamos a facer en Fragas do Mandeo ten moi pouca visibilidade. Un exemplo é o labor que estivemos realizando nas últimas datas e rematamos hoxe.

Creamos a Reserva de Anfibios do Catorce no ano 2016. O obxectivo da súa existencia é manter en boas condicións un espazo que, segundo nos indicaron os herpetólogos que o coñecen, resulta se-lo mellor enclave para a reprodución de anfibios do termo municipal de Coirós. De feito, na reserva crían 11 especies de anfibios, das 14 especies autóctonas galegas. Por ese motivo debemos conservar en boas condicións o hábitat deste grupo faunístico tan ameazado pola crise climática.

Pero non basta con crear unha reserva: tamén hai que mantela ó longo dos anos. Periodicamente temos que executar tarefas tales como eliminar invasoras, roza-los camiños e as bandas de protección contra o lume, ou limpa-las cunetas para que corra a auga cara ás pozas. Pero estes días estivemos ocupados nunha labor que soamente hai que facer de tarde en tarde: o rexuvenecemento das charcas.

Toxos, xestas, silvas e salgueiros medran moi rapidamente. Van ocupando pouco a pouco o espazo das charcas, reducindo a lámina de auga, dando exceso de sombra e enchendo a auga de follas caídas, que logo van podrecendo e consecuentemente reducen o osíxeno disolto. Como non temos grandes herbívoros —nin silvestres nin domésticos— que limiten este crecemento, temos que substituílos con traballo manual, sempre respectando certa heteroxeneidade na vexetación.

A reserva presenta agora as cicatrices da intervención. Pero na próxima primavera volverá a renacer con aínda máis esplendor: as tres especies de orquídeas presentes terán máis luz, as curuxas gozarán de máis espazo libre para cazar e, xa este inverno, os anfibios atoparán mellores condicións para se reproducir.

Pero tamén hai labores que por pequenas pasarán desapercibidas, como lavar os paneis informativos e as cancelas, varrer os dous refuxios, retirar os entullos dunha vella parede que caeu, etc.

En resumen, unhas actuacións que requiriron en total 61 horas de traballo imprescindible, pero non sempre percibido polos visitantes ocasionais. Por ese motivo, con frecuencia falamos de que facemos un labor invisible.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).