Aínda que o pasado luns demos por rematadas as actuacións de mantemento deste ano na Reserva de Anfibios do Catorce, esta mañá o Distrito Forestal II veu botarnos unha man para acometer unha tarefa que estaba pendente dende había anos.
Un madeireiro desfixo o camiño interior desta parcela de titularidade municipal no seu extremo leste. As profundas rodeiras dificultaban o tránsito; tamén a obrigada roza periódica das faixas de protección contra os lumes. Como aplanar o camiño con sachos resultaba inviable, o envío dun tractor forestal foinos de gran axuda. Nunha hora, o operario deixou o camiño en perfecto estado.
Agora, tanto visitantes como voluntarios poden acceder con facilidade. En caso de lume, tamén os bombeiros forestais coas súas motobombas; esperemos que non sexan necesarios, pero debemos asumir que facilitarlles o traballo de extinción é unha medida máis de prevención contra os incendios. Por todo iso estamos moi agradecidos ó Distrito Forestal.


















