Mercamos outros dous montes

21 Outubro 2025

 
Fotografía do título de propiedadeSe o pasado martes estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos con motivo da adquisición de varias parcelas situadas en Chelo, hoxe volvemos para asina-la escritura de compra de dous montes na Espenuca.

Nesta ocasión as dúas parcelas suman unha superficie de 2.315 m2. Están situadas no corazón da fraga, próximas a outras que temos mercado anteriormente; de feito, unha delas linda cunha que xa era nosa.

Para nós, mercar montes non é outra cousa que adquiri-lo dereito de actuar neles. Deste xeito, nesas parcelas poderemos realiza-las diversas actuacións de conservación que se precisen para recupera-lo bosque autóctono, sen estar limitados por intereses de terceiros. De paso, logramos garanti-la súa preservación a longo prazo, pois cando plantamos unha árbore, facémolo coa intención de que siga alí dentro de cen anos. Cando lle poñemos un titor a calquera árbore silvestre que foi deitada pola caída dalgún eucalipto na última corta do monte, facémolo pensando en que chegue o día en que teña un porte admirable polo seu tamaño e idade. E segundo van medrando as árbores, os polinizadores acudirán ás súas flores e os futuros froitos serán devecidos por unha fauna diversa. En definitiva, as fragas e os ríos que as cruzan estarán cheos de vida.

Non podemos deixar de mencionar que estas adquisicións foron posibles grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Se compartes connosco o compromiso coa conservación do patrimonio natural da nosa bisbarra, por favor, consulta a sección Colabora, onde tamén poderás coñece-los beneficios fiscais de facernos unha achega. Avanzamos na restauración das fragas ó ritmo dos apoios que recibimos.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).