Hoxe estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra de varias parcelas situadas no lugar de Chelo.
Se trata de parcelas de bosque de ribeira que suman algo máis dunha hectárea de superficie (exactamente 10.058 m2). Están situadas na beira do río Mandeo, nunha zona moi visitada, pero tamén de alto valor ecolóxico. Aínda que a meirande parte do arborado que albergan é autóctono, tamén teñen algúns eucaliptos e piñeiros, polo que é unha oportunidade para mellora-lo estado do bosque de ribeira. Incluso unha delas ten a vantaxe de lindar coa última parcela que tiñamos mercado e na que estes días estamos xestionando a ramallada resultante da corta dos eucaliptos que tiña.
Igual que en anteriores ocasións, temos que lembrar que estas adquisicións foron posibles grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Se compartes connosco a preocupación pola conservación das fragas do río Mandeo e a progresiva perda dos servizos ecosistémicos que nos proporcionan, consulta a sección Colabora, onde tamén poderás coñece-los beneficios fiscais de facernos unha achega. Calquera axuda, por pequena que sexa, é importante.


















