Xornada para des-eucaliptizar Chelo

11 Outubro 2025

 
Hoxe achegouse a Chelo un grupo de sete persoas para continuar coa des-eucaliptización do monte de 6.689 m2 de superficie que mercamos en agosto, respondendo así á nosa última convocatoria.

Esta xornada foi continuación da que fixemos dentro do programa da Semana de Custodia do Territorio, pero contou con mellor tempo e avanzouse máis no traballo. Aínda así queda moito por facer, polo que convocamos unha nova xornada para o próximo sábado día 18.

Igual que nas dúas ocasións anteriores, a tarefa a realizar será xestionar toda a ramallada resultante da corta dos eucaliptos, de xeito que poidamos plantar árbores autóctonas cando chegue o inverno. O lugar de traballo é de fácil acceso e próximo ó punto onde aparcaremos. A parcela ten pouca pendente, polo que traballaremos sen dificultades. A actividade consistirá en recoller as pólas e amorealas ordenadamente. Será un traballo intenso polo volume da ramallada, pero cada quen poderá descansar cando o necesite.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 da mañá, onde compartiremos vehículos para chegar a Chelo. Non é preciso levar ferramentas, pero é conveniente vestir roupa axeitada e calzado robusto. Leva unhas luvas de coiro ou de xardineiro, se dispós delas. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

No caso de animarte a participar, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Sábado, 18 de outubro de 2025.
Hora: Sairemos ás 9:30 e remataremos ás 13:30 horas.

Post data: Nesta ocasión, entre os once inscritos contamos con dúas persoas procedentes de Alemaña e unha de Polonia. Tras explicar a razón pola que estamos a des-eucaliptizar o monte e cal é a etapa na que nos atopamos neste proceso, puxémonos a traballar aproveitando o bo tempo. Co feito nesta xornada, xa temos xestionada a ramallada na metade da parcela.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).