A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia do pasado martes o listado provisional das entidades sen ánimo de lucro que van beneficiarse este ano do seu programa de axudas para o desenvolvemento de actividades de medio ambiente; hoxe figura nel o correspondente listado das beneficiarias das axudas para realizar investimentos.
Fragas do Mandeo é unha das beneficiarias, polo que as actividades e os investimentos que presentamos serán financiados nun 80 % por este organismo, até un máximo de 22.500 e de 2.500 euros respectivamente. Tal como figura nos correspondentes proxectos, estas subvencións estarán destinadas a sufraga-los seguros de voluntariado, traballos forestais profesionais e funxibles varios, no caso das actividades. No caso dos investimentos será para mercar fundamentalmente maquinaria e equipamento vario que necesitamos nas actuacións de restauración de hábitats.
Agradecemos á Deputación da Coruña o seu continuo apoio ás entidades que nos preocupamos pola conservación do patrimonio natural da provincia.
Post data: As resolucións definitivas das concesións foron posteriormente publicadas no boletín do día 12 de maio, tanto no caso da axuda destinada a actividades coma no de investimentos.

















