O cada vez máis evidente impacto da crise climática está obrigando a acometer sen dilacións actuacións de conservación e de recuperación dos recursos hídricos, para así aumentar a resiliencia tanto dos ecosistemas naturais como da propia sociedade ante unha climatoloxía cada vez máis imprevisible.
Neste contexto, a Fundación Global Nature organizou o Taller Compensación de Huella Hídrica y Custodia del Territorio, celebrado hoxe en Valencia dentro das actividades do Life Custodia da Fundación Biodiversidad (MITECO). Nas distintas intervencións incluídas no programa, os relatores salientaron diversos aspectos do problema e a necesidade de abordalo mediante a colaboración público-privada. As 15 entidades non gobernamentais que participamos presentamos un total de 19 proxectos para recuperar recursos hídricos en distintos enclaves do territorio español, como unha oportunidade ofrecida ós distintos sectores económicos de compensar a pegada hídrica consecuencia das súas respectivas actividades empresariais.
Invitados polos organizadores, que xenerosamente cubriron os gastos de desprazamento, presentamos un proxecto de restauración do bosque autóctono na ribeira do río Mandeo. Temos previsto empezar proximamente esta actuación, a realizar nunha parcela de 3,2 hectáreas de extensión, avanzando en función dos recursos de que dispoñamos. Será un traballo duro, a causa da elevada densidade de eucaliptos que hai que eliminar e do abrupto relevo, caracterizado por unha pendente media do 59 %, en liña co que temos feito en ocasións anteriores.
Esta actuación está en consonancia coa recomendación, tanto dos edafólogos como dos hidrobiólogos galegos, de conservar e restaurar os bosques que acompañan ós nosos ríos. Dentro da longa lista de servizos ecosistémicos que realizan, destaca o papel que xogan como reservorios da auga de choiva; deste xeito modulan o caudal dos ríos, reducindo o impacto tanto das secas como das enchentes. Ademais da sociedade, van beneficiarse tódolos organismos que viven no leito do río, incluídos aqueles que están en perigo crítico de extinción global, como son o mexillón de río e o desmán ibérico.


















