Unhas flores cheas de esperanza

20 Febreiro 2026

 
Nesta tempada adiantamos un mes o inicio das reforestacións, para así ter en conta os cambios nas estacións que está a impoñer a crise climática. Pero, cando estabamos preto de rematar, xurdiron dous problemas.

O primeiro foi unha avaría grave no vello vehículo que usamos. Como consecuencia, estivemos catro semanas sen este todoterreo imprescindible para transportar no remolque as plantas, os titores, os protectores e as ferramentas necesarias. Grazas á xenerosidade dunha simpatizante, levamos 15 anos usándoo sen custe algún. Pero este contratempo evidencia que xa vai sendo hora de que dispoñamos dun vehículo propio, coas características axeitadas para o tipo de traballo que realizamos e o mal estado das pistas polas que transitamos. Xa que logo, precisamos que un organismo público, unha empresa socialmente responsable ou un mecenas concienciado sexa tan xeneroso como esta simpatizante e decida financiarnos unha pick-up con tracción ás catro rodas.

O segundo foi o tren de borrascas, que engadiu outra dificultade máis. Malia o mal tempo, seguimos traballando no monte. Centrámonos no repaso invernal dos treitos de río que apadriñamos, recollendo lixo e retirando invasoras. Especial atención precisou a tradescantia, pois o tempo húmido facilitou o seu crecemento e as enchentes arrastraron propágulos que crearon novos focos. Carentes do todoterreo, os sacos de lixo e de biomasa quedaron no monte á espera de poder recollelos en canto poidamos.

Hoxe por fin puidemos acceder —non sen certas dificultades— á parcela que estamos reforestando no lugar de Chelo. Ó longo desta mañá puxemos titores a moitas árbores autóctonas que foron deitadas na corta dos eucaliptos que orixinalmente medraban nela e tamén cortamos varios eucaliptos grandes que tiñan quedado.

Pero a sorpresa foi ver que un dos abruñeiros que plantamos hai soamente unhas semanas xa estaba cheo de flores. Este pequeno exemplar —ó que pronto van sumarse outros que teñen os botóns florais a piques de abrir— xa está a ofrecer a mediados de febreiro o seu néctar e pole ós primeiros polinizadores activos do ano. A nosa teima en usar múltiples especies de árbores amósase así ecoloxicamente importante. Cando se reforesta, hai que pensar nos múltiples organismos que precisan de alimento e de acubillo ó longo do ano, dependendo de especies distintas e aproveitando as diferentes fenoloxías de floración e de froitificación.

Estas flores de abruñeiro son un esperanzador heraldo do que pode chegar a ser esta parcela cando teñan medrado as vinte especies de árbores autóctonas da bisbarra que estamos a plantar.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).