A finais do ano pasado iniciámo-la des-eucaliptización de dúas parcelas de monte contiguas, situadas no lugar de Chelo, eliminando os rebrotes dos eucaliptos que tiñan sido cortados antes de mercalas e amoreando a ramallada resultante. Logo abordamos a reforestación con arborado autóctono, plantando e poñendo titores ás pequenas árbores que acabaron deitadas na corta dos eucaliptos.
Xa estamos cerca de cumpri-lo obxectivo de reforestalas completamente, utilizando 20 especies de árbores autóctonas da nosa bisbarra (todas elas de ecotipo local, polo que estarán perfectamente adaptadas ó solo e ó clima da zona). Deste xeito teremos convertido os 7.125 m2 de superficie nun bosque heteroxéneo, aumentando a extensión da fraga, reducindo a súa fragmentación e favorecendo a conectividade.
Igual que nas ocasións anteriores, a tarefa a realizar será xestionar a ramallada que aínda queda por amorear, de xeito que quede libre o espazo que ocupa para rematar de plantar as árbores. O lugar de traballo é de fácil acceso e próximo ó punto onde aparcaremos. As parcelas teñen pouca pendente, polo que traballaremos sen dificultades. A actividade consistirá en recoller as pólas e amorealas ordenadamente.
O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 da mañá, onde compartiremos vehículos para ir a Chelo. Non é preciso levar ferramentas, pero é conveniente vestir roupa axeitada e calzado robusto. Leva unhas luvas de coiro ou de xardineiro, se dispós delas. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
No caso de animarte a participar, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 15 de marzo de 2026.
Hora: Sairemos ás 9:30 e remataremos ás 14:00 horas.
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


















