Custodia do territorio e monitores de tempo libre

25 Abril 2026

 
Hoxe pasámo-la mañá co alumnado do curso de monitores de tempo libre que está a impartir a Escola de Tempo Libre Fervenza na Casa da Mocidade de Bergondo.

A través das nosas explicacións, o grupo de estudantes —formado por 17 alumnas e un alumno— puido coñecer cales son os principais problemas ecolóxicos dos espazos naturais da nosa bisbarra, así como a maneira de abordalos mediante as técnicas de apadriñamento e de custodia do territorio. Diante do deterioro do noso patrimonio natural, indicamos que son imprescindibles as actuacións de restauración de hábitats como as que estamos a facer continuadamente. Xa cunha perspectiva máis didáctica, explicámoslles a forma na que, no seu futuro laboral, poden organizar xornadas de voluntariado ambiental de xeito que sexan realmente eficaces e lles resulten atractivas ós participantes.

Co obxectivo de que coñeceran resultados prácticos, como remate visitámo-la nosa Reserva de Anfibios do Catorce, para logo facer unha breve visita a parcelas que temos des-eucaliptizado no monte da Espenuca.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).