Nova concesión de axudas da Deputación

20 Abril 2026

 
Logo da Deputación da CoruñaA Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia o listado provisional das entidades sen ánimo de lucro que imos beneficiarnos este ano do seu programa de axudas para realizar actividades e investimentos en medio ambiente.

Fragas do Mandeo é unha das beneficiarias, polo que as actividades e os investimentos que presentamos serán financiados nun 80 % por este organismo, até un máximo de 20.000 e de 5.000 euros respectivamente. Tal como figura nos correspondentes proxectos, de novo estas subvencións estarán destinadas a sufraga-los seguros de voluntariado, traballos forestais profesionais e funxibles varios, no caso das actividades. No caso dos investimentos será fundamentalmente para mercar equipamento que precisamos para traballar no monte.

Agradecemos á Deputación da Coruña o seu continuo apoio ás entidades que nos preocupamos pola conservación do patrimonio natural da provincia.

Neste contexto resulta necesario resaltar que estas dúas subvencións non van financiar na súa totalidade a nosa actividade e os nosos investimentos deste ano. Entre outros costos que non cubrirán están as nosas compras de montes para conservar e restaurar o bosque autóctono. Por este motivo, animamos a tódalas persoas preocupadas pola conservación da natureza a que nos apoien economicamente, beneficiándose de paso de deducións fiscais de até o 80 % no IRPF e de até o 50 % no imposto de sociedades. ¡Con máis apoios seremos máis eficaces!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).