Amabul colabora na Espenuca

24 Maio 2026

 

Esta fin de semana recibímo-la visita dun grupo de 15 voluntarios e dous monitores da Asociación Medioambiental Amabul, entidade radicada no concello de Vedra. Aproveitando que está desenvolvendo actividades integradas no programa «Voluntariado Ambiental Interxeracional» das consellerías de Cultura e de Medio Ambiente, puxéronse en contacto connosco para botarnos unha man na conservación do patrimonio natural da nosa bisbarra.

Logo da Asociación Medioambiental AmabulComo paso previo antes de poñernos a traballar, onte pola tarde impartímoslles unha charla na que explicamos a nosa misión como entidade de custodia do territorio, detallando as distintas actuacións que estamos a realizar. Especial atención recibiu a restauración do bosque autóctono que temos efectuado no monte da Espenuca, pois era alí onde íamos dirixirnos ó día seguinte.

O voluntariado estaba integrado por tres persoas maduras e o resto era xente nova. Tal como sucede habitualmente, a meirande parte eran mulleres, pois soamente tres rapaces representaron a excepción. Sumando os dous monitores de Amabul e outros dous de Fragas do Mandeo, conformamos un equipo de 19 persoas.

A tarefa acometida esta mañá foi o mantemento da restauración forestal da parcela que está situada xusto debaixo da capela da Espenuca. As últimas árbores que plantamos nela aínda son demasiado pequenas. Nesta época do ano os fieitos medran até acadar unha gran altura, chegando a cubrilas totalmente. Por este motivo é necesario roza-la vexetación ó seu carón, de xeito que as árbores poidan recibir toda a luz que precisan, especialmente nun momento no que a demandan por estar medrando rapidamente.

Agradecémoslles ó voluntariado e a Amabul a eficacia desta xornada, na que tivemos que soportar unhas temperaturas elevadas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).