A eficacia do décimo campo de traballo

11 Xullo 2026

 
Hoxe achegámonos a Coirós para despedirnos dos integrantes da décima edición do Campo de Traballo Monte da Espenuca.

Nesta ocasión foron 13 as persoas que viñeron de lonxe para axudarnos a conserva-lo patrimonio natural da nosa bisbarra. De feito, os 7 mozos e 6 mozas acudiron procedentes de lugares tan diversos como Las Palmas, Toledo, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Barcelona e Madrid, sendo soamente dous os galegos.

O pasado día 2 démoslles a benvida no Centro de Servizos Sociais de Coirós, mediante unha charla de presentación na que explicamos os problemas ambientais da bisbarra e a nosa forma de abordalos. Nela detallamos os nosos esforzos na erradicación de especies exóticas invasoras, pois o principal obxectivo do campo ía ser a eliminación dun foco de tradescantia (Tradescantia fluminensis) situado no rego Caldeirón. Deste xeito íamos darlle continuidade ás edicións precedentes, centradas en acabar con esta planta exótica nese rego e no das Bouzas, que xuntan as súas augas para vertelas no río Mandeo á altura de Chelo. Finalizada a charla, achegámonos ó monte da Espenuca, onde puideron coñecer directamente parte do noso traballo de restauración do bosque autóctono.

A eficacia do campo de traballo quedou de novo sobradamente demostrada, pois hoxe rematamos de pesa-los residuos. O balance foi un total de 1.176,20 kg de biomasa de tradescantia, cifra que supera o récord do ano pasado, máis os 107,25 kg de refugallos que apareceron baixo as plantas. Tras carga-los últimos residuos no remolque para o seu transporte, despedímonos agradecéndolles que viñeran de tan lonxe para axudarnos a mellorar o estado dos nosos enclaves naturais e animámolos a que participen, sempre que poidan, en xornadas de voluntariado ambiental nos seus lugares de orixe.

Aínda que as deste ano son cifras moi elevadas, non se deu acabado co foco de tradescantia; tampouco coa enorme cantidade de lixo do que aparenta ser un vello vertedoiro incontrolado. Xa que logo, teremos que programar proximamente unha xornada de voluntariado para remata-lo traballo.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. A xestión corre a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, que acompañou en todo momento ó voluntariado cun director e dous monitores de apoio. Non podemos menos que desexar que siga a ter continuidade nos próximos anos, pois a súa eficacia é indubidable.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).