A seca non detén os traballos de conservación

24 Agosto 2026

 
Hoxe rematámo-lo traballo de mantemento do río Mandeo correspondente ó verán. As tarefas realizadas consistiron na eliminación de especies exóticas invasoras e na recollida de lixo ó longo dun treito de 11 km, para o que foi preciso un esforzo de 68 horas.

O baixo nivel do río —causado pola prolongada seca deste ano— fíxonos pensar en que poderiamos localizar moitos refugallos que até o momento terían permanecido ocultos no seu leito. Non foi así, pois unicamente atopamos nel unha roda; pola contra, a meirande parte dos refugallos foron apañados nos sendeiros. Pero, como secou totalmente a canle da área recreativa de Chelo, aproveitamos para apañar nel 205,40 kg de entullos. Esta é a terceira vez que recollemos alí este tipo de residuo, presuntamente procedente da construción hai anos do edificio adxacente. Con esta actuación a canle recuperou o seu aspecto natural.

No referente ás plantas exóticas, eliminamos 9 especies distintas, aínda que sumando pouca cantidade de biomasa, proba de que os nosos repetidos controis están dando froitos. Un curioso fenómeno causado pola seca foi a aparición de numerosos exemplares de tintureira (Phytolacca americana), pois esta planta invasora aproveitou a ocasión para nacer nos bancos de area que quedaron ó descuberto.

Non basta con declarar espazos naturais protexidos: tamén hai que mantelos en bo estado de conservación. Por ese motivo, catro veces ó ano percorrémo-lo treito do Mandeo entre a ponte de Entrambasaugas até a ponte de Teixeiro, dentro da ZEC Betanzos-Mandeo, espazo integrado na Rede Natura. Agora quédanos por facer outro tanto nos treitos que apadriñamos no río Mendo e no rego das Bouzas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).